sábado. 19.10.2019 |
El tiempo
sábado. 19.10.2019
El tiempo

Dialéctica de moita valía

Os catro integrantes do equipo de debate (sentados), cos seus asesores e as dúas profesoras
Os catro integrantes do equipo de debate (sentados), cos seus asesores e as dúas profesoras
O equipo de debate do IES Basanta Silva de Vilalba clasificouse para a final do Parlamento Xove, no que participa por primeira vez

'En España, a idade legal para mercar alcol é 18 anos. Variar este límite influiría nos hábitos de consumo entre a xuventude?'. Este é o tema no que se mergullaron durante dous meses, no seu tempo libre, os 14 alumnos de 4º da Eso que forman o primeiro equipo de debate do IES Basanta Silva de Vilalba, que vén de clasificarse para a final do Parlamento Xove, unha competición promovida pola Xunta.

Uxía Gato Díaz, Manuel Francisco Lamela Gómez, Sergio López Ramudo e Ainé Shilpa Novo Yáñez foron os elixidos para debater, aínda que no traballo previo de preparación e documentación contaron coa inestimable axuda de Carla Villares, David de la Fuente, Paulo Domínguez, Pablo López, Francisco Airado, María López, Uxía Fernández, Miriam García, Marcos Sachín Novo e Alberte Roca; coa supervisión e o asesoramento das profesoras Sabela Figueira e Araceli Paz.

Uxía Gato, Sergio López, Manuel Francisco Lamela e Ainé Shilpa Novo son os catro oradores dun grupo de 14 alumnos e dúas mestras

Na estrea, «foi todo moi intenso, rendeunos coma se fosen cinco ou seis días», o balance non puido ser máis positivo. Quedaron cuartos entre os 24 centros participantes, contando por vitorias os seus tres debates fronte aos equipos do CPI Cruz do Sar de Bergondo, o IES Plurilingüe Pedra da Aguia de Camariñas e o IES Eduardo Pondal de Santiago.

«A experiencia foi moi boa, fixemos novos amigos e aprendemos moito», contan, convencidos de que as táboas adquiridas lles serán moi útiles «para facer calquera exposición pública». E é que o saber adaptarse ás circunstancias xoga un papel fundamental, pois o posicionamento, a favor ou en contra decídese por sorteo xusto antes de comezar un debate de media hora.

«Tes que ter argumentos moi sólidos e unha boa oratoria», «tes que ir convencido do que vas defender, aínda que non sexa a túa opinión persoal» ou «non te tes que deixar levar polos nervios, porque che poden xogar unha mala pasada» son algúns dos aspectos que ven clave para afrontar un reto no que cren que tamén lles axudou ser galegofalantes. É a lingua dos debates, pero non a cotiá de moitos dos participantes, polo que a facilidade á hora de expresarse non era a mesma.

Todo o aprendido será bagaxe útil na final, que se disputará nun escenario impoñente, o Parlamento de Galicia. O 21 e o 22 de abril, os oito equipos clasificados -da provincia, ademais dos vilalbeses, haberá grupos de Becerreá, Monforte e Lugo- medirán a súa capacidade de argumentación ao redor dun tema aínda sen definir. «O importante é participar, pero nós iremos a por todas». E que gañe a mellor dialéctica.

Dialéctica de moita valía
Comentarios