Dez días de tapeo para coñecer Begonte

Once locais de hostalaría de sete parroquias participan na quinta edición do certame gastronómico que promove o Concello ata o día 6

O quinto Concurso de Tapas Concello de Begonte xa é unha realidade. O certame, que se prolongará ata o día 6, comezaba o pasado venres e, coma sempre,está a ter unha gran aceptación por parte do público, que non perde a oportunidade de descubrir as propostas gastronómicas dos once locais participantes.

O concurso supón ademais unha boa ocasión para descubrir recunchos do concello, xa que os bares e restaurantes, lonxe de concentrarse nun único lugar, están espallados por sete parroquias do municipio.

Casa Varela de Damil, Paz y Ana de Uriz, San Martín de Carral, Cereixo e A Cantina de Begonte, Casa Carteiro de Santalla de Pena, Taberna do Labrego de Pacios e A Rotonda, Sara, Galicia e Ruta Esperalda de Baamonde servirán a un prezo único de 1,80 euros e nun horario diario de 20.00 a 23.00 horas, ampliado nas fins de semana ao mediodía, de 13.00 a 15.00 horas, as tapas que idearon para acadar un dos tres diplomas que concede o Concello para as propostas máis valoradas polo público.

Á súa vez, os clientes que completen a ruta dos once establecementos hostaleiros entrarán nun sorteo dunha fin de semana nun establecemento termal para dúas persoas.

O Concello de Begonte conta unha vez máis para organizar este certame co apoio de Distribucións Morandeira, Ancaria, Vodafone e a Asociación Provincial de Empresarios de Hostelaría de Lugo, así coma dos propios participantes.

Comentarios