A Deus rogando

Imaxinen un médico que, no canto de aplicarlle os seus saberes ou de remitilo a outro especialista, lle di ao doente que non se preocupe, que reza por el. Non me refiro a enfermidades incurábeis que poderían suscitar comentarios dese tipo por parte de certos galenos, sobre todo dirixidos á familia, para lle dar a entender que só un milagre lle traería a saúde á persoa enferma. Eu falo dun hipotético e improbábel caso en que o facultativo o fiase todo á oración. Mesmo que vostedes fosen afervoados crentes e coñecesen ao pé da letra as abundantes citas bíblicas que ponderan o valor da pregaria, cambiarían de médico.

Por exemplo o «pedide e darásevos» de Mateo 7, 7-11 ou «se o Señor non constrúe a casa, en van traballan os albaneis» do salmo 126, non os coutarían á hora de se poñeren noutras mans, mesmo ateas, a confiar na ciencia e na sabedoría profesionais.

Isto vale para calquera outra profesión, por iso incomoda que certos políticos lle encomenden á Virxe María ou aos santos o traballo que eles non conseguen realizar.

Do abraio á rabia, pasando pola burla, discorreron os comentarios ás palabras de Fátima Báñez que, linguaxe toureira incluída, atribuíalle en xuño unha lixeira baixada do paro á Virxe do Rocío. «La Virgen siempre echa un capote», dixo en Almonte, antes de lle pedir que rematase o labor e lles buscase emprego a case seis millóns de persoas.

Negreira, o alcalde da Coruña, ao que non lle corresponde tan directamente a loita contra o paro como á ministra de traballo, seguiu o seu exemplo e delegou na patroa da cidade, a Virxe do Rosario. Digamos que creou unha concellaría celestial.

Santiago Apóstolo é o máis solicitado. O rei, o presidente da Xunta, o alcalde Currás, a presidenta do Parlamento..., todos acoden ao fillo do Zebedeo para que remate coa crise. Non estaría mal encargarlle moi especialmente o asunto de Pescanova xa que, segundo parece, Santiago e o seu irmán Xoán desenvolvían, xunto co pai, unha actividade comercial relacionada coa pesca no mar de Galilea.

Non, non me burlo. Pretendo, tamén á luz do Evanxeo, reflexionar sobre a contradición en que incorren os que lle poñen unha vela a Deus e outra ao demo do Capitalismo. Cando as estruturas deste son intocábeis fronte á miseria dos desherdados, é hipocrisía clamar ao ceo. Se as solucións puidesen vir directamente de arriba, Xesucristo non nos encomendaría os pobres. Por iso, dito moito máis a ras de chan, desde o refraneiro popular: «A Deus rogando e co mazo dando». O mazo, señores e señoras gobernantes, desde logo que non pode ser o da súa inutilidade a mallar na paciencia de crentes e de non crentes.

Comentarios