Determinación

Camiño de Santiago // FOTO: J. VázquezJUAN TALLÓN escribiu nun inverno desapracible que «as obsesións non se improvisan». As teimas nacen instantaneamente, dunha desesperación ou dunha ilusión, pero non poden experimentarse dun momento para outro: hai que darlles tempo para que collan dimensión. Case todas as fixacións acaban inertes coma un tamagotchi sen pilas porque as esquecemos. Pero hai teimas que solidifican coma o fillo que nunca concretaches se fora buscado ou asumido. Hai quen xustifica a súa obsesión disfrazándoa de determinación. Acontece nas persoas que se ven involucradas nun matrimonio insondable e nas que asinan esas hipotecas lonxevas que prolongan a vida económica despois da física. As obsesións firmes acadan un tamaño tan desmesurado que ocupan a casa e debes quitalas. Empuxan aos peregrinos a camiñar sobre goretex durante un mes de ampolas, de chuvias e deses cafés ao carón da cheminea cos que se ensaia un anuncio de Nescafé. Sinto respecto polos andantes que percorren o Camiño de Santiago -ao seu paso polo Cebreiro, na imaxe- por firmeza relixiosa; mesmo acepto que se cubra por un sólido amor pola natureza ou pola arte. Desconcértanme os peregrinos que se buscan a si mesmos. O movemento distrae. Para buscarse, hai que estar quieto coa fin de aburrirse ata que a obsesión que causa o tedio venza á teima orixinal.

Comentarios