A despolitización

Ao surxir a polis na antiga Grecia, entendíase a política como a arte e a ciencia destinadas a xestionar a vida pública, para facer posíbel o bonum commune dos cidadáns, a súa felicidade e a súa plenitude como seres humanos. Este nobre sentido primixenio experimentou un cambio teórico no Renacemento con Maquiavelo, cando este, segundo Francis Bacon, dixo sen disimulo o que os homes fan, non o que deberían facer.

Convertíase daquela a política de xeito exclusivo nun conxunto de medios para conquistar, manter e repartir o poder. Este é panorama actual, no que se fai moito uso da tecnoloxía e dos medios para gañar o voto popular, reducindo o real e necesario conflito político de clases e intereses a un conflito entre partidos.

As democracias do presente son máis ben unhas falsas oligocracias, nas que por medio dos máis sofisticados recursos e de continuas argucias demagóxicas só se pretende gobernar países e conciencias, e combatir aos outros núcleos partidistas que compiten polo mesmo espazo de poder. Desvirtuando o cometido fundacional da política, como sería a resolución favorábel para a maioría dos problemas sociais, o cidadán quedaría relegado a ocupar o lugar irrelevante de espectador das loitas partidistas entre a consolidada clase política parapetada detrás das distintas siglas.

Resulta, por tanto, normal un aumento do abstencionismo e da non participación política e sindical, tamén entre os sectores críticos. Pola desmobilización que se leva a cabo polas críticas á ética dos partidos de esquerda por parte dos de dereita. Polo populismo destes. E pola desorientación teórica e práctica daqueles, ensumidos nun mediocre curtopracismo de loita polo poder, sen alternativas ilusionantes e participativas para as maiorías, e pola súa aceptación consciente ou inconsciente do imperio do mercado e da economía neoliberal. Esa que imposibilita o desenvolvemento do estado de benestar. Así achegámonos a pasos acelerados ao insuficiente modelo de participación electoral e de despolitización xeralizada dos Estados Unidos.

O obxectivo dunha política non participativa e antidemocrática é por definición a despolitización. Isto tentouse con éxito na ditadura franquista e tamén se conseguiu na época postmoderna na que vivimos. Por exemplo, como vemos nesta conxuntura de crise, despolitizouse a economía, dando como válidos e neutros os discursos dos especialistas económicos do sistema. Deste xeito, a necesidade de reducir o gasto social acéptase como unha simple imposición do estado obxectivo das cousas, cando este tipo de manifestacións son claramente ideolóxicas e prodúcense para o beneficio duns sectores minoritarios propios e globais.

O filósofo de moda da nova esquerda, o esloveno Slavoj Zizek, afirmou que o modelo de politización existente exclúe a esfera económica. Cando o tipo de economía que se aplique nun país é unha cuestión fundamentalmente política. Como se a economía vixente fose a única posibel. Cando, por sorte, existen outros modelos económicos no mundo menos destrutivos, mais o problema -político- é que non se queren aplicar aquí.

Comentarios