Desolación

Tremendamente desoladora esta película, que ten moi pouco que ver con todos eses filmes que inundan a carteleira. Nin pretende ser comercial nin busca adozar aspectos da vida para vender máis entradas. O que conta é a historia dunha adicción. Unha historia terrible dunha vida rota.

Desde o primeiro momento as cousas expóñense tal e como poden ser, deixando fóra o superfluo e quedando co esencial. Pouco diálogo, pouco efectismo. A posta en escena é arriscada; búscase un punto de vista desde onde velo todo sen dar explicacións. É dura, é tristísima, é difícil. Xoga moito coas luces e as sombras da cidade, dos interiores; busca simbolismos que podemos achar de xeito doado; manexa os enfoques, as olladas subxectivas dunha cámara que coida a historia que quere contar. No fondo, acompañando o protagonista soa Bach. Estética e ollada distinta. Interesante película.

Comentarios