Desigualdades nos impostos

pago dos impostos en España depende sobre todo dos obtidos polas rendas das persoas no IRPF e polo consumo no Ive. O primeiro aportou no último ano un 43% do total e o segundo un 33, de modo que entre os dous soportan as tres cuartas partes. Pola contra, o imposto de sociedades polo beneficio obtido polas empresas aportou unha cantidade comparativamente máis reducida, con só un 8% do total.

Esta gran desigualdade entre os impostos soportado polas persoas e as sociedades tamén persiste dentro do IRPF entre os distintos tipos de rendas que podemos obter, habendo de novo un desequilibrio entre os que pagamos polas rendas do capital ou polos salarios que cobramos.

Os impostos polas rendas de capital ou de aforro son do 21% cando os importes obtidos sexan inferiores a 6 mil euros anuais e teñen un máximo do 27% para os que superen os 24 mil euros por moi elevados que sexan. Estas rendas de capital e do aforro están compostas polos ingresos obtidos polos intereses de depósitos e contas bancarias, polos dividendos recibidos na distribución do beneficio das empresas entre as súas accionistas, así como nas ganancias xeradas con respecto ao valor de adquisición nas vendas de accións e de fondos de investimentos.

Pola contra, os impostos que pagamos sobre os salarios teñen unha escala máis progresiva coas cantidades obtidas que poden chegar ata un máximo do 53% para os niveis máis elevados. O dese-quilibrio é notable entre as dúas orixes das rendas. Cun salario de 30.000 euros, unha vez descontados os gastos deducibles, xa se estaría aportando máis do 27% de impostos, mentres que no caso do capital nunca se chegaría a pagar máis por moi elevados que sexan eses beneficios.

Deste xeito en España sucede algo similar ao que denunciaba hai un par de anos Warren Buffet, un dos principais supermillonarios americanos. Afirmaba pagar só un 18% de impostos sobre os seus ingresos, unha proporción que era moi inferior á da súa secretaria e á do conxunto dos seus empregados, que tiñan unha media dun 33%. Un dos grandes supermillonarios españois pode chegar a cobrar este ano uns 800 millóns de euros de dividendos polos que pagaría uns 215 millóns de euros por existir ese máximo do 27% sobre as rendas de capital; pola contra, si procedesen dun salario, tería que abonar case o dobre con preto de 425 millóns.

Non hai ningunha causa obxectiva que ampare estas enormes diferenzas fiscais no trato dos salarios e do capital. Nos dividendos son beneficios que se distribúen entre os socios das empresas. Non se poden aplicar neste caso nin sequera as xustificacións que se teñen utilizado para o menor imposto sobre o beneficio das sociedades de poder así quedar máis beneficios como reservas que aumenten os recursos propios e, xa que logo, a capacidade financeira das empresas, ou ben do medo a que o capital emigre a outros países con impostos máis baixos.

Comentarios