Desigualdades na riqueza e nas rendas

DENDE A SÚA publicación no pasado mes de setembro en Francia o libro ‘O capital no século XXI’ de Thomas Piketty tivo unha gran difusión, que se ampliou coa súa tradución ao inglés sendo de agardar que pronto tamén estará dispoñible en español.

A temática tratada é ampla xa que analiza a renda e o capital nas economías dos Países desenvolvidos, a súa evolución a longo prazo e as desigualdades existentes para rematar cunhas propostas sobre a regulación do capital.

Neste artigo só me vou referir á desigualdade, que estima a varios niveis. Primeiro polo volume de riqueza ou patrimonio acumulado e segundo na distribución das rendas xeradas, que por unha parte son debidas ao traballo e por outra aos rendementos obtidos do capital baixo diversas formas (intereses, beneficios de empresas ou investimentos, arrendamentos, etc).

O nivel de concentración na riqueza reflicte a acumulación do capital acumulado de que dispoñen as persoas, despois de descontar as débedas. Este nivel é moi elevado, posto que o 10% controla entre o 60 e 70% do total segundo os Países e mesmo en Estados Unidos, onde existen uns niveis máis elevados de desigualdade que nos Países europeos, o 1% chega a posuír un terzo. No outro extremo a metade da poboación só ten un 5% e no medio está o restante 40% da sociedade posúe entre un 25 a un 35% do total.

Nas rendas obtidas do traballo tamén hai unha gran desigualdade, aínda que sexa algo máis reducida que na riqueza ou nas rendas do capital obtidas dese patrimonio acumulado. O 10% de persoas coas rendas de traballo máis altas recibe do 25 o 35% do total, sendo os valores máis elevados para Estados Unidos, mentres que o 50% máis baixo ten só unha cuarta parte.

Esta desigualdade está a crecer nas últimas décadas, despois de descender dende comezos do século XX ata a década dos setenta. Deste modo o total do capital acumulado que en Europa Occidental chegara a ser equivalente a máis de seis veces as rendas xeradas durante un ano antes de 1910 e fora descendendo ata quedar nun valor mínimo dunhas tres veces entre os anos 1950 a 1970, foise recuperando ata quedar nunhas cinco veces en 2010.

Por iso Picketty propón o establecemento de impostos elevados sobre o patrimonio e as rendas altas como un medio de reducir este aumento das desigualdades, ao quedar superados os factores e as políticas que permitiran ese achegamento polo actual control do proceso de globalización e da dirección financeira da economía por grandes grupos multinacionais.

Comentarios