Desigualdade e austeridade

O aumento da desigualdade na rendas non é un problema novo pois xa viña acontecendo antes da crise, pero segundo sinalan varios estudos tivo un repunte moi notable nos últimos anos ata o punto de situar a España como un dos países con maior grao de desigualdade en Europa.

As políticas de austeridade estritas establecidas na Unión Europea e aplicadas de modo crecente nos últimos anos en España estiveron dirixidas a controlar o déficit público existente sen incorporar ao mesmo tempo medidas de estímulo á economía como aconteceu noutros casos como en Estados Unidos. Estas políticas de austeridade afectaron á actividade económica e reduciron así recadación de impostos, que á súa vez obrigou a uns maiores recortes no gasto público para desviarse o menos posible dos obxectivos de déficit establecidos. Deste modo nestes anos de crise as desigualdades sociais aumentaron tanto polo deterioro da economía que ocasionou a perda de empregos e a redución de salarios, como tamén a causa dos recortes nos servizos públicos da educación e a sanidade.

As marxes de cambio na actual situación son limitadas pero son posibles outras medidas de política económica que inclúan tamén instrumentos de estímulo ao emprego. Boa parte destas posibilidades van depender dos resultados das eleccións do próximo domingo de varios modos. Primeiro cun maior nivel de participación que axude a reforzar a posición do Parlamento na elección dun deputado como Presidente da Comisión con respecto á posible manobra dalgúns xefes de goberno para nomealo pola súa conta. Segundo, se saíse unha maioría diferente da conservadora actual que podería impulsar políticas diferentes e alternativas ás actuais de austeridade, facendo fronte ao papel dominante de Alemaña e en concreto de Angela Merkel durante os últimos anos. Terceiro cun Parlamento que tratase de exercer a súa influencia sobre o Banco Central Europeo. Cuarto xerando resolucións e propostas que axuden a reforzar a cohesión e espírito europeo fronte ao carácter disgregador dalgúns gobernos e os movementos antieuropeos dalgúns partidos por agora minoritarios.

Boa parte das medidas que poden favorecer a nosa saída da crise dependen da escala europea, pero tamén outras básicas para a redución de desigualdades como son a eliminación dos paraísos fiscais existentes no mesmo territorio comunitario como Luxemburgo e o establecemento dunhas medidas de harmonización fiscal para os capitais que eviten a competencia desleal dende outros Países como Irlanda que ten un imposto de sociedades máis baixo.

Boa parte das medidas que poden favorecer a nosa saída da crise dependen da escala europea.

Comentarios