sábado. 19.09.2020 |
El tiempo
sábado. 19.09.2020
El tiempo

''A desgraza do Jesús Nazareno afectounos moito, pero seguimos saíndo ao mar''

Bautizo de La CandelariaBautizo de La Candelaria

Teño ido moitas veces aos Farillós a pescar e daquela que se permitían extraer os percebes. Estiven nas tres partes, na Sombriza, a Baixa e o Pé. Escalei o Pé e unha vez que fomos comer un grupo de amigos, Tomás Martínez chegou case á cima. Eu e o meu cuñado Nemesio subimos ao redor do mesmo nalgunha ocasión. Na Sombriza e na Baixa pesquei moitas veces, sobre todo barbadas, pero tamén extraín moitos percebes naqueles anos nos que se podía.

Alfredo Fernández Díaz, Fero / San Ciprián / Cervo

Fínxeme grande e, seguindo o meu destino de querer ser cada día unha cousa nova, quixen ser mariñeiro, cousa que logo se me foi da cabeza en vista de que un rapaz que vira por primeira vez o mar aos doce anos e que non sabía nadar, non parecía chamado a tal oficio; así que me fixen mestre, oficio que acabou por ser o que máis me gusta.

Xabier Puente Docampo / Castro de Riberas de Lea

Fun mariscadora toda a vida, desde os doce anos, e teño 61. Xa mariscaba a miña avoa, mariscou miña nai, miñas tías, miña irmá e miña filla. Antes ían vendelos a Vegadeo ou a Foz. Eu vendíao ao Descanso de Fazouro, e ía andado a Ribadeo, á Mariña, a Pepe de Rebumbio.

Esperanza Fernández Postigo / Ribadeo

Tiña unha lancha con vela e tiven que sacar o título de patroa de embarcación para poder navegar pola ría de Viveiro. As veces ía soa e outras con amigas e tamén coas irmás do médico Fausto Galdo. O comandante de Mariña, que era moi experto en cousas de mar e que salvara a moita xente nun naufraxio en Sálvora, Luis Cebreiro, sempre me advertía de que tivese moito coidado, que non era unha broma andar polo mar, senón unha actividade moi perigosa e que podía pasar calquera cousa. E de feito pasou porque un notario que houbera en Viveiro naufragou e morreron el, todos os fillos e o mariñeiro que os guiaba. Foi un acontecemento tan tráxico en Viveiro que me asustou moito e deixei de navegar.

Luz Pozo Garza / Viveiro

Ganábase moi pouco e só do mar non podiamos vivir. Había moitos mariñeiros e non nos levabamos moi ben cos de Foz, nosoutros iamos andando todos os días dende aquí ata o porto. Traballabamos moito, día e noite, cando chegabamos do mar, iamos á terra. Non tiñamos medo. Por exemplo, a desgraza do Jesús Nazareno afectounos moito pero seguimos saíndo igual ao mar.

Francisco Lestegás Eiras / Marzán / Foz

As familias de mariñeiros adoitaban ter moitos fillos porque cantos máis houbese, máis peixe e cartos entraban no núcleo familiar. Si estes eran varóns, pasaban a maioría do tempo, desde que aprendían a andar, no peirao, afacéndose así á vida que lles agardaba nun futuro nada afastado. Para as nenas reservábase a aprendizaxe da costura ou o oficio de redeira. Era función feminina a venda do peixe. Antigamente, a muller do armador adoitaba encargarse da comercialización de toda a pesca do barco. Cando chegaban a porto, os mariñeiros descargaban as capturas e a partir de aí, desentendíanse das mesmas. Logo estaban os quiñóns individuais que cada muller vendía pola súa conta.

Herminia Pernas Oroza / Burela

Regino era un pescador que soía levar a moita xente aos Farallóns, Peto Roto, Juanín da Ribeira e o Alberto Pillado, eran os pescadores de máis sona. Nós, aínda que fosen os nosos pais, non iamos.

Antonia Casas Baltar / San Ciprián / Cervo

Mi padre era registrador, vivíamos donde estaba el cine Colón y al quedar viuda mi madre nos marchamos al barrio marinero, donde residía mi abuela. Allí me crie y allí seguí viviendo tras casarme, hasta los 40 años. Ahora ya no hay aquellos marineros que largaban las redes, charlábamos con ellos..; a uno yo le volvía loco diciéndole que quería ir a ver las sirenas.

María Gamallo Fierros / Ribadeo

Pregunto por mi viejo amigo Balbino Insúa, uno de los mejores pescadores del Cantábrico. Balbino está en la mar. Los escabeches que elabora Insúa y el bonito que enlata, mágicamente aderezado, son de primera calidad.

Álvaro Ruibal / Viveiro

Daquela, cando iamos a Viveiro, meu curmán Toñito, que vivía e vive en Viveiro, ía pescar á ría unhas sollas e eu ía con el. Saiamos na súa lanchiña e con aquel tridente semellante ao do deus Neptuno, en pouco tempo tiña cheo un balde dese lingüiforme que a min tan ben me prestaba. Había tanta abundancia daquela, que ás veces viñan chantados dous exemplares nos dentes do rudimentario aparello. Algo que hoxe sería impensable.

Isidro Novo / Viveiro

Eu son dunha familia mariñeira e digo con moita honra que meus catro avós eran xente do mar e digo con propiedade meus catro avós, porque un era mariño mercante, outro era armador de baixura e miñas avoas, como a meirande parte das mulleres naqueles tempos pois eran xente do mar, porque eran as que, cando non había peiraos nin muelles de atraque, eran as encargadas de descargar o peixe, eran as que traballaban nas pesquerías, nas fábricas de salazón, nas fábricas de conserva que eu recordo de neno, nos anos sesenta, dezaoito fábricas traballando, na zona de Lugo, en Celeiro de conserva ou vinte e tres de salazón.

Vicente Míguez Salgueiro / San Cibrao / Cervo

Na tardiña do 8 de outubro de 1936, ao lusco fusco, cando intentaba pasar a fatídica barra ata a Ribeira, con vinte bañeiras de sardiñas, o Hidro envorcou preto da Pena Rubia, quedando coa quilla para arriba. Dos oito tripulantes, dous desapareceron: Tristán e José da Palmeira. Ao terceiro día apareceu Tristán nunha praia de San Cibrao e dez días despois José, avistado por un pescador de cana, nunha furada da costa, en Salave, preto de Tapia: curiosamente seguiran rumbos opostos.

Suso Fernández / Foz

Esta xente empezou ao mar con un compás e un reloxo. Laureano xa é da época boa, é o pioneiro do sestante, algo que sabía manexar nos barcos de pesca moi pouquiña xente, contados, pero moi contados, seis, sete personas. Entón, navegábase simplemente por estima. E é curioso, porque pescaban. Eran moi bos pescadores. E alguén pode dicir «é que había peixe en todos os lados». Bueno, había que saber chegar aos bancos. Había que pescar e había que saber traer o peixe. Estamos a falar dunhas épocas nas que esta xente andou ao mar en que non había unha simple predición meteorolóxica, co cal, esta xente cando se separaba da costa en barcos de vinte metros de eslora, vinte e dous, dezaoito, non sabían o que se iban encontrar, nin sabían a que distancia ían estar da costa para volver. É algo tremendo, é dicir, son os verdadeiros pioneiros da pesca en Galicia.

José Pino / Celeiro

Antoloxía da Memoria de Lugo:El Progreso: luns, mércores e sábados.TeleLugo: martes, ás 22.00 horas. Reemisión diaria. Dirección: José de Cora. Imaxe: Memé Díaz. Ilustracións: Vinicius. Fotografía: Arquivo EP.

''A desgraza do Jesús Nazareno afectounos moito, pero seguimos...
Comentarios