Desequilibrios na carga dos impostos

SEGUNDO o avance publicado pola Axencia Tributaria a recadación de impostos en España en 2011, o último ano con información dispoñible, reduciuse nun 14% con respecto a 2007, xusto antes de comezar a actual crise económica. Esta cifra global esconde uns comportamentos moi diferentes por tipos de impostos. O do rendemento das persoas é o único que se incrementou no 1% e os demais caeron, en forma moderada dun 3 ao 5% os do Ive e impostos especiais (alcol, combustibles e tabaco), e de modo abrupto, o que grava os beneficios das empresas que descendeu un 62%. Deste xeito os impostos pagos polas persoas e o Ive achegan tres cuartas partes da recadación de 2011. Así a carga da crise desde o lado dos impostos está a pesar máis sobre as persoas e, dentro deste grupo composto por asalariados, autónomos e rendas do capital, o soporte fundamental está formado polos asalariados que achegan un 40% do total dos impostos.

Nestes anos de crise a porcentaxe dos beneficios das empresas pagada no imposto de sociedades reduciuse á metade, do 20 ao 10%, mentres que se incrementaba a presión sobre o imposto das persoas e do Ive coas subidas practicadas nos últimos anos. E nesta reducción do imposto saíron especialmente favorecidas as grandes empresas, grazas a un sistema de desgravacións que lles permite reducir o tipo teórico do imposto a menos da metade, mediante á utilización exhaustiva polos seus expertos fiscais dos buratos legais existentes e tamén por unha inspección fiscal insuficiente, tal como ten denunciado a asociación de inspectores de Facenda.

Esta forte caída nos ingresos das Administracións Públicas é á súa vez a causa dos recortes establecidos para equilibrar as contas ao obxecto de reducir o déficit existente entre os ingresos e os gastos. A defensa sen concesións da política de recortes como unha dogma por parte do Goberno do Estado e da Xunta está a afectar aos servizos públicos e á falta de medidas de incentivos ao crecemento e ao emprego. Esta é a carga da crise desde o punto de vista do gasto, que do mesmo xeito que para os ingresos tamén se reparte de modo desequilibrado, pois son precisamente os membros dos fogares de rendas medias e baixas os máis dependentes destes servizos e da falta de estímulos públicos ao emprego.

O informe da Axencia Tributaria é bo documento para valorar os desequilibrios existentes na carga da crise mediante a recadación dos impostos, que esixen medidas urxentes de reforma, tanto no sistema impositivo como no control da fraude. E que indigna especialmente con respecto ao trato dado polo Goberno no programa de amnistía fiscal.

Comentarios