Desenvolvemento rural

Nalgunha ocasión teño escrito neste xornal sobre a ''privatización'' da política e a miña oposición á mesma. Creo, ó contrario do que propoñen moitos economistas e algúns políticos, que o estado e as súas institucións non deben rexerse por criterios de xestión empresarial. Certo que as administracións públicas teñen épocas en que xeneran déficit e que todos podemos citar gastos superfluos nos que incorren sucesivamente tódolos gobernos. Nese sentido, véñenme á cabeza as cantidades industriais -nunca mellor dito- de euros que a Consellería de Innovación e Industria destina a publicitar nos medios de comunicación que Galicia está, como diría un ilustre chantadino, ''A tope de guay''.

Pero tamén creo que son as eleccións, a expresión da vontade popular, as que lexitiman ós políticos a optar por un modelo ou outro de xestión. Se aplicamos criterios de estricta rendabilidade e sustituimos ós ministros e deputados por expertos en márketing e empresarios de contrastado éxito, teremos un estado moi rico que en nada beneficia ós seus cidadáns. Sei que parece unha obviedade pero aínda onte escoitei decir que se gobernara unha xestoría, non habería crise. Por outra banda, teño por certo que o estado nunca chegaría ó grado de perversión e malignidade contra o ser humano que poden acadar algunhas reputadas corporacións.

Unha vez aclarado que o estado democrático non debe aplicar técnicas de empresa, compre decir que tampouco se debe pasar coa democratización, non vaia ser que acabemos como na Holanda anabaptista do século XVI na que os nenos exercían de xuices pola súa inocencia. Refírome a todos eses grupos de desenvolvemento rural que se están a formar na provincia de Lugo e con problemas en todos eles. Como veciño do rural agardo que teñan éxito pero non me negarán que a quen se lle conte o seu funcionamento inicial terminará botando as mans á cabeza.

A saber: en sedes rotatorias reúnense grupos de ata cincuenta persoas entre as que están dende a asociación de coleccionistas de bolígrafos ata unha cooperativa hortofrutícola, pasando por un clube de balonmán femenino. Eso por non falar dos casos en que tres individuos representan ata a doce entidades das que só eles tres son socios. Ben, pois o seguinte paso e poñelos a todos de acordo para que nomeen unha xunta directiva e que esta decida en qué proxectos se van investir os cartos chegados ó abrigo do desenvolvemento rural.

Non sería mellor que esa labor a fixeran técnicos especializados? Ou ten algo que ver a cercanía das eleccións?

 

Comentarios