Diseñada para triunfar

A xermadesa Laura Gómez é a alma mater de Decibreiro, un estudio gráfico que oscila entre o deseño web, proxectos editoriais, publicidade ou identidade visual
Laura Gómez, no seu estudio.
photo_camera Laura Gómez, no seu estudio.

O libro de enriba da mesa, a serigrafía da furgoneta do fontaneiro, o cartel dese festival rocanroleiro do verán ou a etiqueta do mellor Ribeira Sacra. A vida está completamente rodeada de deseño, e detrás del, o traballo de profesionais como Laura Gómez. Decibreiro era o nome que recibía a casa da súa familia e que se perdeu co paso das xeracións, nome que decidiu voltar á vida para designar o seu estudio.

Gómez, natural de Xermade, adícase ao deseño gráfico especializado en proxectos editoriais, publicitarios, identidade visual e deseño web. Apaixoada de todos e cada un dos campos, non pode evitar recoñecer a súa predilección: «O que máis me gusta é o deseño editorial, foi o que máis fixen e onde teño máis experiencia. Dáche a oportunidade de traballar con papeis puros e iso é moi gratificante», explicou.

A crítica califica de xeito moi positivo o traballo da chairega, que xa recibiu dúas nominacións para os premios Visual

Con máis de 15 anos de experiencia ás suas costas, a xermadesa non parou de reciclarse dende que finalizou os seus estudos na escola Ramón Falcón, sobre todo no referente á irrupción nos últimos tempos do mundo dixital: «Cando eu estudaba o deseño web estaba empezando. De feito, tiñamos unha asignatura, pero non se afondaba». indicou a chairega.

«Fun facendo cursos pola miña conta, pero traballando é como tamén se aprende», engadiu Laura Gómez. Un dos retos aos que se enfrontan os deseñadores profesionais é convencer ao cliente de que o produto é o idóneo: «Ten que ser un resultado no que nos sintamos cómodos o cliente e o deseñador. Eu intento convencer á xente sempre de que se faga como eu creo, e compréndeno. Cando un acode a un deseñador déixase aconsellar, sabe que o necesita. O problema está nas persoas que non cren que necesitan un deseñador», recordou a xermadesa entre risas.

O que tamén supón un desafío para o gremio é condensar nuns trazos ou nunha imaxe todo o significado que engloba un evento ou unha marca: «Iso é o máis difícil, crear algo que, segundo o vexas, estea claro o que significa. Aínda que cando un deseño está ben feito, nótase enseguida», concluíu a artista, que durante a súa carreira recibiu dúas nominacións para os premios Visual.

Comentarios