«Descoñecemos ós nosos persoeiros e as súas achegas»

Francisco Fidel Maseda, en Vilalba.
photo_camera Francisco Fidel Maseda, en Vilalba.

O escritor Francisco Fidel Maseda recuperou a figura de «grandes esquecidos» da historia de Galicia como o galeguista Lois Tobío ou Diego Sarmiento de Acuña, o I Conde de Gondomar, quen «tería varias películas dedicadas se fose anglosaxón e non galego».


dI non ser historiador, pero a través da súa obra Francisco Fidel Maseda Maseda, doutor en Humanidades pola Universidade de Santiago na área de Filosofía Moral e Política, enche os baldeiros do devir da historia galega con biografías centradas en persoeiros «descoñecidos, xente que estaba no olvido, no esquecemento», que conta con poucas páxinas dedicadas e menos recoñecementos, aínda que foron claves para o seu tempo. «Dalos a coñecer, sacalos á luz, enchéme de satisfacción», asegura este vilalbés residente en Lugo que foi premio extraordinario fin de carreira e gañador dun dos premios á investigación do ano 2010 da Deputación de Pontevedra.

Hai poucos meses publicou a súa primeira obra, que resultou ser a primeira biografía en galego de Diego Sarmiento de Acuña, o I Conde de Gondomar. Que o levou a estudar a súa figura?

Cheguei á súa figura a través do seu alter ego, que é Lois Tobío, que destinou parte dos seus estudos ó Conde de Gondomar.

E Lois Tobío foi o epicentro da súa tese doutoral.

Van vencellados. Un levoume ó outro e os dous son figuras descoñecidas e porén, senlleiras para Galicia.

Baixo o título de ‘Galego de Lei’ fala do primeiro Conde de Gondomar. Que destacaría del?

Foi un home que en tempos de escuridade para Galicia, nos Séculos Escuros, non se avergoñaba de ser galego. De embaixador en Londres gabábase de ser galego e invitaba a viños da terra ós que o ían ver e recibía e escribía correspondencia en galego.

No libro fálase de 18.000 cartas no seu epistolario.

Recibía cartas en galego e el escribía fragmentos na súa lingua. Era unha forma de estar orgulloso da súa caste, recalcaba expresións en galego, saíanlle. E nunha época de moitos renegados, sobre todo na nobreza. Incluso participou na recuperación do voto en Cortes para Galicia.

O idioma, aínda cuestión de debate?

Aínda non recuperamos certos complexos. Somos un pobo un pouco esquizofrénico nese eido. Acomplexado.

O papel do Conde de Gondomar foi clave en Inglaterra.

De feito é máis coñecido no Reino Unido que aquí. Alí considérano o Maquiavelo español porque conseguiu que a Inglaterra do Estuardo Xacobe I mantivera a paz coa España dos Austrias, cousa case imposible daquela e que incluso os seus predecesores crían que non se ía conseguir. Na Corte inglesa tiñan o temor de que enfeitizara ó monarca. De novo xa era coñecido por defender as costas galegas fronte ós ataques de Francis Drake e logo foi aínda máis coñecido por conseguir a condena asinada a mans do monarca para Walter Raleigh, favorito da raíña Isabel I e precursor do imperio colonial inglés.

E por que ese esquecemento en Galicia?

En Galicia para eso somos moi especiais. Descoñecemos moito dos nosos persoeiros e das súas achegas, que só son coñecidas por eruditos e estudosos. Se o Conde de Gondomar fose anglosaxón tería dedicadas varias películas; pero tocoulle ser galego.

É un problema institucional ou falta de interese da sociedade?

É un problema social, de falta de memoria, agora que estamos a falar da memoria histórica. Non sabemos protexer o patrimonio.

Que significa publicar este libro a título persoal?

Para min é unha satisfacción publicar a súa primeira biografía en galego. Ata o de agora había publicacións en castelán, algunhas achegas á súa figura. Con esta obra non pretendo sacar á luz nada novo do Conde de Gondomar, só por en valor a súa figura e dálo a coñecer ó grande público nun idioma que el tanto amou como é o galego.

Se publicar libros neste momento xa é complicado, sacar libros tan específicos e históricos ten máis trabas?

A verdade é que hoxe en día non é doado a publicación deste tipo de libros, de ningún, pero estos non teñen un público moi amplo. Por eso intento ser o máis sinxelo posible, sen moita carga de referencias bibliográficas, para chegar a máis xente.

A súa obra viu a luz coa colección Mandaios de Biblos. Como foi o proceso?

Púxenme en contacto con Tucho Calvo, o editor. Gustoulle a proposta e nun tempo récord, un par de semanas, démoslle para adiante. É de agradecer a súa aposta nestes tempos de crise.

Como foi a acollida?

A acollida foi boa. Fixemos a presentación no parador que leva o nome do conde e na propia vila de Gondomar. E tivemos a sorte de que acudiu o actual conde, Gonzalo Fernández de Córdoba, que é o número 13. Respecto ás vendas (risas), non teño nin idea.

Apostaría por publicar en formato electrónico?

Si. Sería interesante para chegar a máis público, pero creo que deben convivir co libro tradicional. O encanto que ten o papel nunca o substituirá o libro electrónico.

A súa segunda obra publicada é sobre a figura do galeguista Lois Tobío, outro dos «esquecidos» da historia.

Aproveitei o traballo de investigación da tese e aínda que ía saír publicado antes que o do Conde de Gondomar saíu despois.

Para quen non ten referencias sobre el. Que destacaría da súa figura?

É unha figura esencial e das máis descoñecidas da historia galega contemporánea. Foi un home entre bambalinas, á sombra de Castelao, Pedrayo... Estivo no anteproxecto do Estatuto, na constitución do Consello de Galicia no exilio, foi fundador do Seminario de Estudos Galegos, do Partido Galeguista, Pedrayo e Manuel Puente encargáronlle a primeira edición da Historia de Galicia... Foi esencial para moitos fitos da Galicia do século XX, pero foi un personaxe secundario aínda que grandes figuras o tiveron en moita estima. El sempre se mantivo nun segundo plano.

Queda hoxe algo daquel galeguismo na política galega?

Non moito xa. Por desgracia non queda nada do seu espírito. E foi unha mágoa que no estatuto do 81 ninguén contara con xente como Tobío e os seus compañeiros de xeración.

E no BNG?

O BNG perdeuse en loitas internas e abandonaron o espírito de unión que tiñan homes como Tobío e os seus coetáneos (Filgueira Valverde, Bouza Brey, Valentín Paz Andrade...) que malia diverxencias ideolóxias estaban unidos.

Está traballando nalgún proxecto ou ten algo en mente?

Gustaríame poder publicar a obra completa de Tobío. Estiven en Uruguay ano e pico para recuperar o seu traballo alí, pero hoxe en día é moi complicado.

Recórdanse esas figuras en América do Sur?

Perdeuse moito tamén. As novas xeracións de galegos están orgullosas da súa orixe pero non coñecen a realidade do seu país ou vanse ós tópicos. Pero é normal. Pasaron moitos anos.

Que momento vive a investigación en Galicia? Hai apoios suficientes ou faltan moitos?

Faltan medios. Danche proxectos de investigacións a autores que non teñen nada que ver con Galicia e é unha mágoa que non se invista máis na recuperación do noso.

Canto tempo dedica de media á unha investigación normalmente para considerala completa?

O traballo é longo: en bibliotecas, arquivos, internet non moito porque non hai case nada dixitalizado, institucións... De media, para estas obras, son uns catro anos para falar dunha investigación máis ou menos completa, que despois sempre está aberta a máis porque hai moita documentación espallada e sempre se pode engadir algo.

DE PRETO

«Gústame estudar a historia do século XX e a da Idade Moderna»

Naceu en Vilalba e ten lazos familiares en Pino (Cospeito). Aínda que vive en Lugo, que relación mantén coa Terra Chá?

A maioría das fins de semana achégome por aquí.

Sobriño do escritor vilalbés Martiño Maseda. O de escribir lévase no sangue?

(Risas). É unha grata coincidencia, que esperemos que se continúe noutras xeracións a poder ser.

Fillo de Garda Civil. Seu pai foi xefe de investigación do Seprona durante moitos anos. Sempre lle inculcou o respecto polo medio ambiente?

Si. Sempre estiven concienciado da necesidade da conservación do noso medio ambiente.

Un libro para recomendar?

Calquera de Castelao ou de Otero Pedrayo.

Un escritor?

Escritor? Meu tío, Martiño Maseda.

Unha época histórica para estudar a fondo?

O século XX e a Idade Moderna.

Viviu máis dun ano en Uruguay. Un país para visitar?

Un continente. Calquera país de América do Sur.

Un persoeiro histórico para Galicia?

Teño dous persoeiros que destacar. Diego Sarmiento de Acuña, I Conde de Gondomar, e Lois Tobío. (Galegos ós que lles dedicou sendos libros).

Comentarios