Desaprendizaxe

O MÁIS DIFÍCIL é desaprender machismo. Cómprelle ao crego de Jaén que na homilía dunha comuñón asegurou que antes os homes se embebedaban e lle pegaban á muller, mais non a mataban porque existía o quinto mandamento. Non hai dúbida de que está preocupado polos asasinatos de mulleres, xaora. Á parte da inoportunidade do tema para a ocasión, non sabe o bo do clérigo canto perigo encerran as súas palabras. Se o consumo de alcohol xustifica ou, cando menos, desculpa ou explica que un home lle zoupe á muller, tamén pode servir de coartada para se pasar na malleira e darlle pasaporte ao outro mundo. Se a violencia, como certos velenos, se pode administrar sempre que as doses non sexan letais, non superar estas só é cuestión de pulso.

‘Mi marido me pega lo normal’ é un libro que xa ten anos, de Miguel Lorente Acosta, un médico andaluz especialista en medicina legal e forense. Foi a súa experiencia profesional a que lle forneceu o título porque, efectivamente, moitas mulleres aínda consideran normal que o home as maltrate. Seguramente, en conversas coas amigas, alcancen ese consolo de parvos que é o mal de moitos, neste caso de moitas. Tampouco non é difícil de imaxinar que a súa infancia lles teña deparado vicariamente tan triste aprendizaxe. Porén, sería moi duro tachalas de machistas cando son as vítimas desa praga. Mais hai que dicilo: tamén ás mulleres nos cómpre desaprender machismo.

Porque antes dos golpes e moito antes dos asasinatos poden advertirse unha serie de indicios que non presaxian nada bo. Percibilos é cuestión de sensibilidade feminista, unha sensibilidade á que temos que tender todas e todos. E supoño que non é preciso aclarar que machismo e feminismo non son as dúas caras dunha mesma moeda. Aquel é unha inxustiza, este o combate por reparala. Soamente desde esa sensibilidade diferenciaremos o amor da posesión, a protección do control.

O lema ‘Fronte ao machismo, tolerancia cero ’ é moito máis do que unha frase publicitaria porque encerra a explicación e, asemade, a prevención dos asasinatos de mulleres. Volvendo ao símil do veleno, este chega a non percibirse se se vai subministrando en doses mínimas, mais en moitos casos acumúlase até o nivel letal.

Ademais, de onde saca o crego que antes había menos crimes machistas? O sintomático é que non se lles chamase así. Até onte mesmo cubríanse coa capa de defensa da honra ofendida, tal como no teatro de Calderón. Nin se consideraban crimes, nin se difundían como agora. De aí vimos. É unha pandemia contra a que debemos vacinarnos desaprendendo machismo.

Comentarios