Desaparecida

Os centos de persoas que o domingo camiñaban baixo o sol en Toén para manifestar a súa dor e repulsa pola morte de Laura Alonso, descoñecían talvez que nesa data, 30 de agosto, conmemórase o Día Internacional do Desaparecido.

A efeméride procura traer á memoria aquelas persoas que, sexa cal for o motivo, desaparecen forzosamente. Centos de milleiros de persoas no mundo son secuestradas contra a súa vontade e, nas razóns da súa desaparición, figuran causas sentimentais, políticas, étnicas, económicas ou relixiosas.

Pero ningunha causa é lexítima nin abondo para xustificar que outra persoa silencie a túa voz, que force a túa vontade, que elimine a túa determinación. Ningunha causa hai que avale a anulación da túa liberdade, a terrible dúbida dos familiares sobre o teu paradoiro, unha dúbida que pode permanecer días ou anos ou toda unha vida. Nada existe, en definitiva, que poida xustificar truncar a vida doutra.

Talvez ningunha das persoas que camiñaban o pasado domingo en Toén lembraba a efeméride do 30 de agosto. Abondo tiñan con aturar a dor que causa unha desaparición. Con aceptar que Laura non vai volver a causa dunha persoa que quixo impoñer a súa razón pola violencia. Aínda que ela, todos o saben, xa non marche nunca máis das súas vidas.

Comentarios