Derrota evitable

O Madrid segue gafado en Múnic. Pasan os anos e os brancos continúan acumulando decepcións. A de onte no Allianz Arena foi unha derrota evitable e altamente perigosa.

O partido en si tivo pouca plasticidade pero foi grandioso no esforzo dos xogadores. Bayern e Madrid entregáronse nun ir e vir sen descanso. O choque, cun gran desgaste físico, non tivo pausa. Sen mesura, apenas houbo xogo na medular e as imprecisións estiveron por riba dos acertos. O 2-1 para o Bayern fará que no Bernabéu salten faíscas. Os alemáns   saen  refor  zados  ante un Madrid envolto en dúbidas. Os de Mourinho, tras o empate, desaproveitaron a oportunidade de decantar a eliminatoria. Se queren estar na finalísima, deberán rozar a perfección no Bernábeu.

O MELLOR DO BAYERN
Ribéry: Dono e señor do ataque alemán. Deulle a noite a Arbeloa, a Xabi Alonso, a Coentrao... Alá por onde se movía, creaba perigo. Na volta o Madrid debe atalo en curto. Se está motivado, pode causar unha desfeita.
O aspecto físico: Son un equipo portentoso. Detiveron a Cristiano, impediron que o Madrid saíse cómodo nas contras e, arriba, sempre buscan a Mario Gómez. Probou a Iker cun lategazo e alongou a perna no epílogo para marcar un gol que pode ser decisivo.
 
O MELLOR DO MADRID
Di María: Aínda que ás veces estivo precipitado, dálle outro aire ao Madrid. Mentres tivo forzas, foi o único con profundidade en ataque. Rápido, con regate, dos seus pés naceu o gol de Özil.
Howard Webb: Oxalá os árbitros en España fosen como este inglés. Razoa cos xogadores, non lle quitou cartón amarelo a Di María por tocar o balón coa man, e a Marcelo perdonoulle a expulsión tras unha pasada de voltas do brasileiro. Se fose un pouco caseiro, o Madrid acabaría cun menos.
 
O PEOR DO PARTIDO
O pouso que deixou o Madrid. Conformista, cun Coentrao pésimo no lateral, rebordado. Cun Xabi Alonso desgastado fisicamente –sen dar referencia– e cunha defensa horrible nas marcas e nos despexes. Así chegaron os dous goles do Bayern. 
 
O DETALLE
Veremos que fai hoxe o Barça e que acontece no Camp Nou o sábado. O resultado dese partido pode influír, para ben ou para mal, na resolución da batalla do Madrid ante os xermanos.

Comentarios