PEDRO, naceu nunha aldea de Ribadeo en 1840 e cando tiña dezaseis anos emigrou á Habana, cidade na que residían algúns familiares. Comezou a traballar como operario na produción de tabaco, até chegar a ‘torcedor’. En 1870, unha grave doenza obrígao a voltar á sua parroquia natal -daquela A Devesa e logo Vilaframil-, até que dez meses despois, xa reposto, regresa á capital cubana e convértese en dono da sua propia fábrica, comezando así a forxar unha sólida posición económica e social. En 1874 funda a fábrica de tabacos ‘La Meridiana’ e poucos anos despois era xa creador de marcas de prestixio. Mercou grandes extensións de terreo na provincia de Pinar del Río, converténdose en produtor agrícola. Puxo en marcha fábricas de cervexa, foi accionista de varias empresas e mesmo dispuxo dunha frota de barcos. Outorgou testamento en 1892 no que dispuxo a creación dun novidoso centro de ensino agrario, para o cal deixou unha verdadeira fortuna. Morreu en 1906. A escola agrícola, con proxecto e primeira dirección do brillante enxeñeiro agrónomo ribadense Enrique Suárez Couto, non comezou a funcionar até o ano 1922.
A figura e a traxectoria vital do sonado indiano que fixo fortuna en América, é hoxe bastante coñecida, ainda que quedan aspectos inéditos mentras que outros pertecen á lenda. Con todo o que motiva esta nota é unha notable curiosidade: entre o patrimonio da Fundación titular do Centro que leva o seu nome, consérvase unha bandeira española que ten gravada a seguinte lenda: «Bandera oficial que ondeaba en el Real Arsenal de La Habana, que fue arriada en 1º de enero de 1899, al cesar la soberanía de España, recogida por el Excmo. Sr. D. Pedro Murias». Trátase do chamado pavillón naval, logo bandeira española de uso xeral, co escudo real en forma ovalada con só dous cuarteis co castelo e o león. A enseña foi protagonista en 1929 con ocasión da visita do dictador Primo de Rivera á escola, xa que lle foi ofrecida para ser exposta nun museo. Pero o xeneral ou levaba moita presa no seu camiño cara Asturias, ou por calquer outra circunstancia, rexeitou a ofrenda de tal xeito que o retallo histórico ficou no propio centro, como peza singular do inventario da Fundación Escola Agrícola Pedro Murias. Tense sinalado que foi a derradeira bandeira arriada na illa, ainda que o Círculo de Artesáns da Coruña conserva unha coa que agasallara a un batallón enviado á illa e que foi o derradeiro en regresar, portando a citada enseña.
En calquer caso parece seguro que durante tempo ondeou no Real Arsenal da capital cubana, un dos asteleiros máis prestixiosos da América hispana e ao decir do historiador cubano Ovidio Ortega y Pereyra, só comparable cos españois de Cartaxena e Ferrol. Tómese como exemplo que o xigantesco navio ‘Santísima Trinidad’, botado en 1769 e con casi duas mil quiñentas toneladas de desprazamento, o buque maior do seu tempo, construiuse nas radas do Arsenal cubano.