Dereito ao descanso

Hai unha famosa obra cuxo título debeu producir algún escándalo no seu século XIX: O dereito á preguiza; tal desconforto, seguramente experimentado entre xente burguesa e a chamada “de orde”, non lle debeu ser desagradable ao autor, o revolucionario Paul Lafargue. Como for, tivo daquela bastante éxito, e algunha das súas ideas parece en liña con certas conquistas laborais posteriores: redución da xornada laboral, mellora das condicións de vida dos obreiros, tempo para o lecer e a formación.

 

Ha de haber cincuenta anos, xeneralizouse en Europa a idea de que os traballadores, ademais de traballar, debían ter tempo e ocasión para facer outras cousas. Xa de seu -e por sacra razón- non laborable o domingo, foi tamén quedando o sábado como xornada que moita xente dedica a si mesma, á familia, o coñecemento. A fin de semana, dure o que dure, é considerada como de descanso, e isto significa cousa diferente dependendo de carácter, aspiracións e escolla. Hai quen estuda, pasea, fai deporte ou pasa o tempo cos fillos; quen descansa cambiando de actividade e, ao mellor, acadando un complemento económico; algún outro non descansa máis ca seguindo no labor de todos os días: cada un ao seu, e paz en todas as casas.

 

De certo, Lugo cidade e provincia non levan sido territorio moi avanzado en materia de dereitos laborais: común é a historia do patrón que esixe máis horas das que figuran no convenio e, por ende, paga menos do que se indica no contrato; ou a do operario que realiza sen chistar calquera labor que lle sexa encomendado, cadre ou non dentro do horario regularmente estabecido. Así, cando hai algúns anos irrompeu esa nova filosofía -seica competitiva- de que había que traballar máis e estar sempre dispoñible, Lugo encontrouse bastante ben preparado para asumir o novo sistema. Nalgunha cousa habiamos de ir por diante.

 

Pero como a xente en xeral -efecto dos estudos, a democracia e a acción sindical- non é a do 1960, xorde ás veces algunha murmuración e mesmo negativa. Escribía, aí atrás, Ángel Vaqueiro que desde hai moito non se vía aquí unha mobilización coma a de INGEMARGA. Engado eu: é conflito que nos devolve a momentos clásicos do movemento obreiro, cando se reclamaba o dereito ao descanso. Non me caía xa ben esa empresa, sospeitosa de degradación ambiental en Abadín; peor agora, que despide empregados por non querer traballar os sábados e xoga a vella carta de ameazar peche e procurar división. Para min, claro é quen leva mellor razón.

Comentarios