As deputacións

O HISTÓRICO debate sobre as deputacións, que o nacionalismo galego veu dando ao longo de varias décadas, conta agora con novas achegas por parte dos que curiosamente, até hai pouco tempo, eran acérrimos defensores delas. Benvidos pois todos a este interesante debate, aínda que haberá que facer as necesarias matizacións, pois as motivacións que achegaron a esta cuestión a determinados persoeiros non son as mesmas que guiaron ao nacionalismo galego, xa desde comezos do século XX, na elaboración das súas propostas ao respecto das institucións provinciais.

Para nós, o debate sobre a vixencia ou utilidade das deputacións vai estrictamente unido ao debate da organización territorial do Estado, pois sempre defendimos outra organización territorial máis acaída coa nosa realidade económica, social, demográfica e cultural.

As propostas que desde outras formacións políticas se preten den achegar a este debate non deben deturpar o mesmo, xa que o problema das deputacións non é só un problema económico. Ésta parece que é a idea que o FMI pretende introducir a través dos voceiros do neoliberalismo no Estado español, cando poñen sobre a mesa a cuestión da redución de municipios vinculando o problema das deputacións ao modelo de xestión administrativa, e vinculando deste xeito no fondo as institucións públicas ás causas da actual crise.

En definitiva, consideramos que segue a ser necesaria unha revisión da organización territorial do Estado, e a partir da mesma teremos que dotarnos en Galiza das institucións que respondan ás necesidades reais do pobo.

(ANTONIO VEIGA é o vicepresidente primeiro da Deputación Provincial de Lugo)

Comentarios