A Deputación reconstruirá a Ponte da Pena en Ourol, que leva 3 anos tirada

Os veciños das parroquias ourolesas de Xerdiz e Miñotos son os grandes perxudicados polo derrubamento, hai máis de tres anos, da Ponte da Pena, o que os obrigaba a dar grandes rodeos para ir ós seus fogares. Ante esta situación e a «falta de resposta por parte do Concello», a veciñanza recurriu á Deputación Provincial, que onte mesmo comunicou o seu compromiso para arranxar esta infraestrutura, cunha aportación de 50.000 euros.

O presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este investimento, que, lembrou, beneficiará ós 170 habitantes de Miñotos e ós 210 de Xerdiz. A situación obriga «a dar un rodeo mínimo de tres quilómetros para cruzar dunha parroquia a outra».

Este arranxo é unha vella reivindicación dos veciños, que incluso chegaron a organizar unha recollida de sinaturas hai un ano e remitíronas ó Concello para solicitar a reparación, «pero a ponte segue igual e os veciños sen contestación», subliña o concelleiro socialista Luis Pajón, ó que Besteiro lle asegurou o compromiso para arranxar a ponte.

Segundo lembran desde a Deputación, esta actuación engádese ós traballos levados a cabos polo ente provincial neste municipio durante o actual mandato, enmarcados na «aposta pola máxima cooperación cos concellos e dotados con máis de dous millóns de euros». Engaden que só no que se refire á mellora das vías provinciais e municipais, a Deputación achegou 1,3 millóns de euros, cantidade que se investiu no acondicionamento de preto de 100 quilómetros de vías e dos accesos ós núcleos rurais de Frexulfe, Vilacimas, de Carmen a Cerdeiras, Chao de Bravos, Piñeiro, Cargadoiro e accesos ás igrexas de Xerdiz e de Miñotos.

Por outra banda, realizáronse actuacións tamén solicitadas polos ouroleses a través de plans como o de comunidades veciñais ou o de pequenas infraestruturas, que incluiron traballos por máis de 72.000 euros. Como exemplos están o abastecemento de auga a Laboa, o acondicionamento das comunicacións a Lobamorta, a mellora das infraestruturas viarias en Lobeiras ou a remodelación e restauración dos entornos de igrexas e cemiterios municipais.

Alcalde

Pola súa banda, o rexedor, Marcial Sanjurjo, informou que o Concello solicitou este arranxo á Xunta e estaban agardando confirmación. Engade que lle parece «perfecto» que a Deputación asuma o seu arranxo, pois dixo estar «encantado de que se consigan cousas para Ourol», veña de onde veña esa axuda.

Comentarios