A Deputación fará un albergue de peregrinos no Mirador de Mondoñedo

Un obradoiro con 20 contratados acometerá a primeira fase da rehabilitación do inmoble ►Elena Candia rexeita este uso, xa que "implicaría levar aos peregrinos fóra da cidade"
Edificio do Mirador de Mondoñedo
photo_camera Edificio do Mirador de Mondoñedo

A xunta de goberno da Deputación aprobou a subvención para iniciar o proxecto de reconversión da súa antiga instalación hoteleira coñecida como Mirador de Los Paredones nun albergue para peregrinos. Farao a través dun obradoiro de emprego concedido pola Xunta para o que contratará durante nove meses a 20 desempregados, que serán os encargados de sacar adiante unha primeira fase de rehabilitación do edificio que consistirá no acondicionamento exterior do mesmo e tamén da súa parcela.

A vicevoceira do goberno provincial, Sonsoles López Izquierdo, sinalou que esta actuación inicial conta cun investimento de 274.000 euros, dos que a Deputación achega 50.000. As persoas que se contratarán serán 16 alumnos para o obradoiro, un arquitecto, dous monitores en albanelaría e un administrativo. As probas de selección para todos os postos serán o vindeiro mércores na oficina de emprego de Mondoñedo.

Os traballos previstos no interior do edificio consisten na súa limpeza, "retirando o mobiliario, escombros, carpintería, elementos deteriorados e non utilizables, falsos teitos e particións". Tamén se acondicionarán os peches de protección dos desniveis do inmoble e limparase e recuperarase toda a cuberta de pizarra, "incluso os elementos estruturais en mal estado". Ademais farase unha reparación da carpintería exterior e repoñeranse as portas, fiestras ou cristais necesarios. Na parcela acometerán tarefas de desbroce, poda e plantación de zona verde, así como a reparación da calzada, do aparcadoiro e da zona peonil.

EN CONTRA. A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, alédase de que o ente provincial "cumpra coa súa responsabilidade de acondicionar estas instalacións que permanecían nun estado total de abandono froito da desidia dos gobernos socialistas na Deputación", pero non está de acordo co uso previsto e afirma que "os veciños xa dixeron que non á localización dun albergue no Mirador".

Explica Candia que este uso "traería consigo consecuencias negativas para a localidade, xa que implicaría levar aos peregrinos fóra da cidade e iso provocaría que o casco histórico perdese vida". A alcaldesa engade que os camiñantes se afastarían "tres quilómetros arriba do centro" e que, ademais, "o Camiño Norte non discorre por onde está o Mirador". "É unha iniciativa que non xera riqueza na localidade nin aceptan os veciños", insiste.

Por isto, anuncia que o goberno local levará ao pleno unha iniciativa para amosar o seu rexeitamento a que o Mirador sexa un albergue de peregrinos.

Comentarios