A Deputación elaborará este ano unha guía dos recursos turísticos da provincia de Lugo

Participantes na mesa redonda, antes de comezar o acto. xesús ponte
photo_camera Participantes na mesa redonda, antes de comezar o acto. xesús ponte

A Deputación de Lugo reunirá nunha guía tódalas posibilidades turísticas que ofrece a provincia. A vicepresidenta terceira, a nacionalista María Xosé Vega Buján, avanzou este proxecto na inauguración do congreso de turismo Destino Lugo, organizado polo seu departamento, que onte reuniu na sede da institución provincial a unhas 150 persoas.

A guía pretende ser un compendio dos principais recursos patrimoniais, arquitectónicos, naturais e culturais da provincia de Lugo e incluirá, ademais, outro tipo de información útil para o visitante, como establecementos de hostalería, hospedaxe ou clubes náuticos.

Ésta será unha das medidas inmediatas que porá en marcha a área de turismo da Deputación, pero a vicepresidenta terceira ten intención de que do congreso que se celebra entre onte e hoxe saian outras liñas de actuación para mellorar o aproveitamento dos recursos turísticos que ofrece a provincia de Lugo.

O primeiro paso neste senso deuse onte ó reunir nunha mesa redonda a profesionais e administracións, que achegaron posturas ata concluir que é preciso coordinar a iniciativa pública e a privada para optimizar os investimentos no sector turístico, así como profesionalizar as tarefas de promoción en base ás demandas do sector.

No debate participaron a vicepresidenta terceira da Deputación, María Xosé Vega Buján; o presidente do Padroado Provincial de Turismo, Julio Álvarez; o da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería, José María Real; a da asociación de turismo rural do sur de Lugo (Lugosur), Carmen Martínez; o seu homólogo da Mariña (Aturmar), Manuel Vicente, e María del Carmen Pita, de Turgalicia.

Os representantes do sector sosteñen que ata o momento se perderon fondos públicos en achegas pouco produtivas e piden que se teñan en conta as súas demandas e necesidades reais.

Carmen Martínez reclamou «seriedad y rigor para evitar el despilfarro de fondos» que considera necesarios para «crear futuro». Manuel Vicente subliñou a necesidade de dar voz a tódolos implicados e evitar o «intervencionismo y la politización».

José María Real, pola súa parte, propuxo crear un ente profesional que marque o eixo de actuación para promover unha imaxe turística de Lugo como un compendio de posibilidades dispares e complementarias que resulte atractivo para o visitante.

Julio Álvarez coincidiu nesta percepción e resaltou a necesidade de aproveitar as sinerxias das diferentes partes da provincia. Na mesma liña tamén se manifestou María del Carmen Pita, quen apuntou como obxectivo inmediato aumentar a estadía media dos visitantes.

María Xosé Vega concretou as intervencións nun reto: unir o sector privado entre si e coordinalo co público para impulsar Lugo como un destino turístico único e cunha oferta diferenciada.

RESULTADOS

Lugo foi a provincia galega con máis incremento de viaxeiros no 2010

  • O ano 2010 foi positivo para o turismo lucense, segundo se desprende dos datos do Instituto Nacional de Estadística (INE). O número de viaxeiros aumentou un 16,19% no exercicio pasado, fronte ó 3,6% que medrou na provincia de Ourense, o 14,45% da Coruña e o 9,8% de Pontevedra.
  • María Xosé Vega Buján indicou que o efecto do ano santo puido influir no incremento de visitantes, pero considera que non puido ser ésta a única causa porque os datos foron positivos en zonas como a Ribeira Sacra, polas que non pasan os camiños de Santiago oficiais.

Ecoturismo

  • Vega Buján indicou que a Deputación seguirá apostando polo ecoturismo, coa confianza posta nos valores naturais da provincia.

comarcas

EXPERIENCIA INTERNACIONAL
James Turner: "É necesario implicar á xente porque é quen mellor coñece o seu potencial"

 

O carácter transversal do turismo quedou patente onte no congreso Destino Lugo. Non só se analizou a implicación de distintos sectores empresariais e administrativos, senón que os asistentes puideron coñecer iniciativas de promoción turística con base no voluntariado e na implicación da poboación beneficiaria.

Ésta foi a achega de James Turner, director de Hidden Britain, unha empresa que opera no sudeste de Inglaterra co obxectivo de impulsar accións de desenvolvemento en pequenas poboacións.

En seis anos, o equipo de Turner, integrado por catro persoas, logrou implicar a máis de 500 veciños de pequenas poboacións en proxectos turísticos baseados en recursos propios e que redundan na atracción de visitantes. O segredo, segundo este experto, é «implicar á xente porque é quen mellor coñece os seus recursos e o seu potencial».

A firma Hidden Britain non traballa con vento a favor. O seu obxectivo é promocionar «a parte descoñecida do Reino Unido, o que non é Londres», explica James Turner. «A idea é empezar por pequenos obxectivos e buscar a implicación da poboación que se vai beneficiar da retroalimentación», explica.

Turner considera tamén fundamental coñecer as demandas dos posibles visitantes para adaptar a oferta ás súas necesidades. Cita como exemplo, a instalación de puntos de información para favorecer as visitas, crear rutas de sendeirismo para aproveitar recursos naturais ou incluso ofrecer servicio de aluguer de bicicletas para facilitar os percorridos por unha determinada zona.

O director de Hidden Britain considera que este modelo de actuación dende a base sería aplicable ás pequenas poboacións lucenses se a xente se implicase nos proxectos.

Considera que a provincia de Lugo conta con abuntandes recursos naturais que a fan atractiva, aínda que sostén que «sería necesario mellorar as infraestruturas sen destruír a paisaxe». Apuntou, ademais, que a oferta gastronómica sería un reclamo fundamental para os británicos.

Comentarios