A Deputación de Lugo acondiciona un treito da LU-P-1602 no Corgo

A obra foi adxudicada por algo máis de 209.000 euros
Operarios traballan na mellora do tramo no Corgo
photo_camera Operarios traballan na mellora do tramo no Corgo

A Deputación de Lugo sufraga a obra de acondicionamento e afirmado da estrada LU-P-1602 de San Cristovo por Adai á LU-106 entre os puntos quilométricos 0,000 e 1,540, en O Corgo. Trátase da primeira fase dun vial que vai desde a N-VI ata a parroquia de Adai e constitúe a solución a unha vella demanda veciñal que desbloqueou hai uns meses o organismo provincial facendo as obras por fases.

A estrada actualmente é moi estreita pero ten moita circulación, e grazas a ela accédese a varias parroquias do concello de O Corgo. O orzamento de adxudicación á empresa Isidro Hermanos blanco Trigo foi de 209.441,86 euros.

A actuación ten por obxecto mellorar a seguridade no treito viario indicado, e de aí que se executen as unidades de obra que se consideran necesarias para desenvolver os labores de ensanche, afirmado, sinalización e balizamiento desta estrada provincial vital para as comunicacións dentro das infraestruturas do concello corgués.

Para o acondicinamento desta estrada proxectouse unha actuación consistente nun ensanche da plataforma existente, realizando correccións na xeometría actual e mellorando curvas e rasantes en función dos plans de pranta e alzado.

As obras a executar consisten en proxectar o movemento de terras necesario ata conseguir as seccións previstas, mediante desmonte e terraplenado, previa retirada de terra vexetal e saneamento da zona afectada.

Ademais desenvolvéronse labores de drenaxe e obras de fábrica mediante a ampliación de taxeas. A obra supón unha clara mellora no desenvolvemento diario para os veciños, que deste xeito poderán gozar de máis seguridade e comodidade. Tamén  se beneficiarán da actuación as empresas da zona, que poderán levar a cabo as súas respectivas actividades con maior eficacia e axilidade.

Comentarios