martes. 12.11.2019 |
El tiempo
martes. 12.11.2019
El tiempo

Democracia participativa

É UNHA EVIDENCIA que estamos a vivir unha realidade política pouco edificante. Estes son tempos nos que a dereita pretende utilizar como modus operandi a fin da política, a redución ao mínimo do espazo público de debate impoñendo outro espazo, o do mercado. E no espazo regulado polo mercado non caben os dereitos, o debate público, o debate político. Non cabe, xa que logo, a democracia. A lóxica do mercado anticipa o fin da época dos dereitos.

Por outra banda, nas augas descompostas e noxentas da nosa democracia, xorden todos os días cadáveres de dirixentes políticos corruptos que tentan reducir a actividade política a un estercoleiro, estercoleiro que cómpre remexer con vasoira feita de xesta e de pau de salgueiro (o salgueiro do Incio é, a dicir de Fiz Vergara Vilariño, o mellor de Galicia).

Este estado de cousas (por simplificar) supón un espectáculo desagradable e pouco exemplar que está a provocar xa desde hai tempo unha sensación de desafección cidadá cara as organizacións políticas como ferramentas útiles e coherentes que poidan levar a cabo una (cada vez máis) necesaria transformación social. A democracia e a actividade política sostéñense sobre as virtudes da confianza e da vergoña, ten dito a filósofa Victoria Camps, e cando ditos piares amosan esvaecerse, unha das posibles consecuencias pode ser que a cidadanía chegue a vivir un estado de desesperación colectiva e de fartazgo social que derive no desexo dun empoderamento cidadán. Así xorden mareas cidadás, plataformas cívicas, iniciativas político-sociais (ou cívico-políticas, como queiramos) que hoxe mesmo teñen un obxectivo claro e evidente: darlle o protagonismo á cidadanía no ámbito público e recuperar a iniciativa do debate político. Este feito, salientable, de darlle voz á cidadanía supera a tradicional democracia representativa en beneficio dunha democracia participativa consistente na organización ou asociación de cidadáns coa finalidade de exercer una maior influencia directa nas decisións públicas.

Hai boas razóns polas que a democracia participativa debera, pouco a pouco, funcionar e acadar o éxito: a cidadanía ten un coñecemento máis íntimo e cercano das necesidades da veciñanza que os propios políticos, a participación desenvolve a capacidade das persoas para traballar dun xeito cooperativo e, por fin, a participación na vida pública fai que os propios cidadáns acaden un maior grao de responsabilidade social. En definitiva: a democracia participativa (a actividade participativa) pode axudar a que a veciñanza deixe de cumplir o rol de mera espectadora allea aos asuntos públicos, exercendo como tal, e coa finalidade de convertirse en parte activa da democracia. En definitiva: en convertirse en mellores cidadáns.

Democracia participativa
Comentarios