A demanda de técnicos de mecanizado por parte das empresas medra cada ano

O CIFP Politécnico de Lugo oferta diversos ciclos da familia profesional de Fabricación Mecánica e mantén aberto o prazo de matrícula ata o 5 de xullo
Alumnado del ciclo de Fabricación Mecánica do CIFP Politécnico. EP
photo_camera Alumnado del ciclo de Fabricación Mecánica do CIFP Politécnico. EP

O CENTRO Integrado de Formación Profesional (CIFP) Politécnico de Lugo ten unha ampla traxectoria nas ensinanzas vinculadas á familia profesional de Fabricación Mecánica, que están entre as que teñen maior demanda de emprego para os titulados de Formación Profesional.

Dentro desta familia, ten moita relevancia o Ciclo Medio (CM) de Mecanizado, que se imparte no centro e no que se forman os técnicos de mecanizado. Cada ano se incrementa o número de contratos para estes profesionais, segundo destaca o Informe Infoempleo Adecco e Sepe.

O CM de Mecanizado habilita os estudantes para realizar calquera traballo de técnico de fabricación e conformado de pezas en fábricas de automóbiles, en industrias transformadoras dos metais ou fábricas de pezas para aeroxeradores, entre outras.

Tamén prepara aos alumnos e alumnas para labores de mantemento de maquinaria nesas mesmas empresas. Nesta liña, as ofertas laborais de operadores ou técnicos de mantemento de máquinas requiren nun 80% dos casos de técnicos especializados en mecanizado, un dato que tamén se indica no Informe Infoempleo Adecco e Sepe.

Para máis información prema neste enlace

Durante máis de 2.000 horas de formación, na súa maioría de contido práctico, os alumnos e alumnas do CM de Mecanizado adquiren competencias para afrontar postos laborais en rectificadoras de pezas, mantemento mecánico, deseñadores de CAD, torneiros, fresadores ou fabricantes de moldes, entre outros.

A formación que se imparte no CIFP Politécnico abrangue tanto prácticas no propio centro coma un módulo específico de Formación en Centros de Traballo.

O coordinador do ciclo no Politécnico explica que son maioría os rapaces que xa logran un posto de traballo ao remate do período de prácticas nas propias empresas. "Hai unha forte demanda de técnicos de mecanizado e trátase de postos de traballo cunhas boas condicións en canto a salario, horarios e posibilidades de promoción ", insiste. Destaca tamén que polo de agora os rapaces seguen a ser maioría neste ciclo, pero fai un chamamento á igualdade nese senso. "Gustaríanos recibir tamén alumnas. Isto non é unha cuestión de sexos, é cuestión de que tanto rapaces como rapazas vexan que se lles gusta este ámbito de traballo, o nivel de inserción laboral é moi elevado. Estamos nunha sociedade na que faltan técnicos ben formados e as empresas chaman para pedirnos alumnos", insiste.

O prazo de solicitude de matrícula para o Ciclo Medio de Mecanizado no CIFP Politécnico de Lugo está aberto ata 5 xullo ás 13.00 horas con carácter xeral e ordinario.

ENSINANZAS

Ciclos formativos de fabricación mecánica

▶ CM Mecanizado.

▶ CS Programación de Produción de Fabricación Mecánica.

▶ CS (DUAL) Construcións Metálicas, con prácticas remuneradas en empresas.

Nova implantación

▶ FP Básica de Fabricación e Montaxe.

▶ Curso de especialización de fabricación aditiva: Escaneado e Impresión 3D.

Saídas laborais

▶ Formación en centros de traballo cun 100% de inserción laboral.