Déficit de natureza

O XORNALISTA Robert Louv, no seu libro ‘Last Child in the Woods’ (O derradeiro neno dos bosques), acuñou a expresión «trastorno por déficit de natureza» para se referir á depresión, esgotamento, ansiedade e outros síntomas producidos pola falta de contacto dos nenos co medio natural. É un estudo rigoroso, resultado de conversas con pais e educadores, e móvese nas coordenadas da psicoloxía, a medicina, a pedagoxía e a socioloxía. Por influxo do libro, do que desde 2005 se venderon máis de 325.000 exemplares e está a ser traducido a varios idiomas, formáronse moitas asociacións destinadas á educación ambiental e mesmo se introduciron importantes reformas na educación infantil norteamericana, baixo o lema «Que ningún neno fique dentro».

Esta é unha desas noticias que me alegran. Non que exista o tal trastorno, que iso xa o intuía e é unha mágoa, senón que alguén o detectase, lle dese nome e chamase tan poderosamente a atención sobre o problema, condición indispensábel para poñerlle remedio. E xa se sabe que, cando a cousa vén dos USA, se adoita tomar máis en serio.

Temos conversado sobre isto Heidi, unha alemá residente na Coruña desde hai corenta anos, e mais eu. Lamentábase ela de que, nun país coma o noso, cun clima suave e unha natureza tan acolledora, os nenos saísen tan pouco da casa. Queixábame eu dunha das consecuencias desta falta de contacto co contorno, a perda dos nomes das cousas, designadas agora por xenéricos (paxaro no canto de xílgaro ou paporroibo, por exemplo). Coincidiamos ambas nas causas deste abandono que situabamos no desprezo de todo o relacionado co mundo rural (Non lles suxire algo disto a expresión que se xeneralizou hai xa anos, «me voy a la finca», cando en realidade se refiren á casa da aldea onde naceron os que así falan ou os seus antepasados?). E, en paralelo, a proliferación de tecnoloxías que nos ofrecen realidades virtuais, moitas veces representacións das realidades reais, valla a redundancia, das que renegamos.

E, o que é verdade para a infancia, tamén nos atinxe aos adultos. Tamén nós podemos padecer trastorno por déficit de natureza. A miña nai tíñao perfectamente identificado e pedíanos, cando xa non se valía soa, que a levásemos «a ver verde». Certifico que os efectos equivalían a un complexo vitamínico ou a un euforizante. Ora ben, esta necesidade hai que fabricala porque, como moitas outras, ten a ver co costume; mais é, como a febre, un síntoma que nos protexe.

Moitas das actividades que agora forman parte do currículo con un ou outro nome (manualidades, ximnasia, coñecemento da natureza), eran outrora consecuencias lúdicas de movérmonos con liberdade en ámbitos que nos tocaba estruturar porque non se nos daba todo feito. Aos horarios escolares non lles rebentaban as costuras, porque moita da aprendizaxe acontecía noutro contexto.

a tecelá en outono

Comentarios