Defensa da palabra

CANDO, en ‘Cien años de soledad’, Gabriel García Márquez describe o Macondo primitivo desde o que se irá desenvolvendo a novela, consegue facelo dun xeito altamente expresivo e directo: contándonos que, daquela, o mundo era tan recente que moitas cousas aínda non tiñan nome e que, para mencionalas, as mulleres e máis os homes que alí habitaban habían de sinalalas co dedo. As xentes aquelas precisarían de ir enchendo de palabras aquel seu mundo novo até conseguir que se soubese das cousas mesmo cando non estaban á vista, até lograr que se puidese chegar a facer real todo aquilo que se pensa, como dicía Eça de Queiroz. E conseguiron enchelo, as persoas daquel Macondo e tamén as persoas dos Macondos todos, e agora nós somos quen somos precisamente porque temos as palabras, todas as palabras das falas todas, e soamente con escoitalas ou velas escritas posuímos a chave que nos permitirá acceder aos mundos nos que saber do noso valor como persoas.

«Louvado seña Deus tamén por terme dado o don da fala nosa, porque me ensinou a dicir rula e abidueira e dorna e ponte e fonte, e entón eu, sabendo estas palabras, era verdadeiramente dono da rula e da abidueira e da dorna e da ponte e da fonte...» dixera un día don Álvaro Cunqueiro, e tiña a alma nos beizos cando o dicía, que eu era dos que alí estaban e podo aseguralo xa que agora volven nidias as imaxes e limpos os sons, neste tempo de nubes que pretenden toldar os ceos nosos, de dedos ameazadores que sinalan por tras, de sorrisos torvos motivados pola mesquindade das malas ideas, de sombras que
axexan na escuridade da rapina covarde porque saben que se son capaces de nos levar as palabras tamén o serán de nos deixar sen nada do que elas significan e así facer de nós chan liso no que enzoufar sen atrancos os seus sórdidos devezos.

Pero iso non pasará nunca. Que aínda somos quen de berrar ben alto ‘rula’ e ‘abidueira’ e ‘dorna’ e ‘ponte’ e ‘fonte’ para así sabérmonos verdadeiramente donos da rula e da abidueira e da dorna e da ponte e da fonte... e da dignidade nosa.

Comentarios