Debate sobre os impostos

O Presidente do Goberno acaba de facer unha promesa de redución nos impostos como un modo directo de contentar aos cidadáns castigados pola crise. É unha promesa xenérica sen concretar en como vai realizarse, e sobre todo como se van a seguir prestando os servizos públicos nesa nova situación. Por iso pode traer un dobre engano: que a maioría de cidadáns poida esperar que vai saír beneficiado con esa medida e que os servizos públicos non van ser afectados. Para isto último probablemente vaise a recuperar unha teoría que non se cumpriu na práctica: que o menor pago de impostos resulta a medio prazo nun maior volume de recadación por xerarse unha maior actividade económica co aforro obtido polos cidadáns no pago dos impostos.

A renda dispoñible das familias pode mellorar cunha baixada nos impostos ao haber menos reducións sobre os ingresos obtidos. Pero tamén a renda dispoñible dunha gran parte das familias se pode reducir se, a consecuencia desa baixada de impostos, redúcense os ingresos públicos e descende o nivel e calidade dos servizos públicos prestados. Nesas condicións, as familias teñen un peor servizo ao ter que gastar máis en medicinas (polo copago e as exclusións nos medicamentos), ou en educación ao recibir menos apoio na atención a nenos e maiores.

De modo que estariamos ante un debate en falso se non contemplamos o conxunto dos impostos que compoñen os ingresos das Administracións públicas e os investimentos e servizos que prestan.

Habería que reformar o modelo fiscal existente no que hai grandes desigualdades nos principais impostos: no que pagamos os cidadáns con respecto ás rendas obtidas (o IRPF), o Ive que grava o consumo e o imposto que pagan as sociedades e empresas con respecto aos beneficios obtidos. Ademais está a economía somerxida, que está á marxe do sistema, e outras operacións incomprensibles como a amnistía fiscal realizada o ano pasado.

A recadación do IRPF equivale a máis de cinco veces a do imposto de sociedades. E está soportada sobre todo polos asalariados de clase media porque as grandes fortunas pagan unha menor porcentaxe de impostos utilizando as vías existentes de sociedades patrimoniais e as sociedades de investimento colectivo. No imposto de sociedades as pequenas e medianas empresas pagan unha porcentaxe máis elevada sobre os beneficios que as grandes empresas, que logran reducilo por varias vías. Deste modo nos últimos anos o imposto de sociedades do grupo de grandes empresas quedou no 15%, que é a metade do tipo xeral, aproveitándose dunha serie de deducións e dos seus servizos fiscais especializados.

Comentarios