Viernes. 21.09.2018 |
El tiempo
Viernes. 21.09.2018
El tiempo

Den caballo por liebre

Un pastel de carne. (Foto: EP)
Un pastel de carne. (Foto: EP)

A POLÉMICA europea sobre o travestismo da carne de cabalo en carne de xato devolveume ao tempo en que a miña nai tivo unha discusión de tránsito cunha rapaza que ía en bicicleta cando regresabamos no coche do colexio en Ribadeo. Ambas as dúas discutiron e, ao volver ao coche, a miña nai desvelounos, con ollada de secreto, que a súa rival circulatoria tiña «unha carnecería de cabalo». E pronunciou a palabra ‘cabalo’ abrindo a boca a toda a súa carraxe e silabando. A miña nai referíase sempre cunha discreta admiración ás señoras que lle vendían carne de tenreira ou de porco, polo que supuxen que a carne de cabalo era consolo de pobres que contemplarían abstraídos as súas tixolas, suspirantes por un elegante filete, un delicado solombo ou unha intensa chuleta.

No meu imaxinario, situei o vendedor de carne equina de par do oficio que Antonio Álvarez Solís chamaba en1966 ‘andariego engrasador’ e agora sei polo xornalista Xavier Colás que se coñecía como ‘sustanciero’ nos lugares de Castela A Nova que percorría. O ‘sustanciero’ percorría as calles detidamente, parando de casa en casa. Adentrábase ata a cociña e, diante da pota de sopa ou caldo ao lume, quitaba un óso de xamón ou de vaca do que termaba un cordel. Mollaba o bendito anaco graxento durante uns minutos e marchaba para a vivenda contigua.

O mal corpo que deixou o comentario da miña nai e o feito de que nunca nos dese a probar carne de cabalo fixo quedase sen facerlle a proba.

Botáronseme enriba os anos e cheguei a informarme dunha nova moda de representar a ópera ‘Cavallería rusticana’, subindo cabalos a escea. A súa presenza responde, sen dúbida, a un intento de reforzar o realismo e abofé que o consiguen. Ás veces a besta dá evacuación ás opresións intestinais quedando o resultado sobre o escenario, con todo o cheiro, ata que unha pausa permite limpalo.

Todos eses meus perxuicios atoparon consolo lendo a Fausto Galdo que Antonio Correa, un médico do século XIX de Furís (Castroverde), manifestaba a perplexidade de que os mozos non daban altura para servir ao rei por escaseza de proteínas cando tiña poldros a eito.

Galdo asegura que o cabalo é magro e saboroso, axeitada para guisos e asados. O sabor doce que se lle critica «compénsanse cun adubo de allo, cebola, loureiro e viño». Así que ben agradezo todo este escándalo por esas hamburguesas que minten no seu currículo.

Den caballo por liebre
Comentarios