De visita no mar

DON ÁLVARO Cunqueiro Mora, meu señor, deixounos dito, en prosa inmellorable e para o noso máis cumprido gozo e cabal coñecemento, moito do que Al Faris Ibn Iaqim Al Galizí puxera por escrito en romance galego para dar voz a Sinbad, o lendario mariño, que fala dun tempo que sería soamente pasado se el non fose quen de convertelo nun presente de seu e mesmo nun futuro de soñadas ilusións, e así sabemos hoxe de aventuras en viaxes que xa foron ou que aínda han ser, de illas ás que as mareas erguen e semellan nubes para os tripulantes das naos que pasan por baixo, de países que soamente o son por veces ou non o son nunca, do peixe papagaio, que gusta do teatro chinés e fala por vixoquiñas de aire, de paxaros que só saben voar a recú e rechouchiar cando hai lume preto, de mulleres e homes que son eles o mundo enteiro, de exóticos manxares e bebidas insólitas, da pluma senlleira da Ave Roc. E do mar. Sobre todo dos mares arábigos que, di Sinbad, teñen feitura de figo verdeal e piden decotío conversación, e válelles en calquera lingua, polo que no pau maior de moitas das naos que por eles navegan hai preso un cesto no que vai un mariñeiro lendo historias en voz alta.

Se cadra hai agora algunha persoa que está a ler isto nalgún lugar da mariña e ergue unha miga os ollos para deixar que a vista se lle perda no lonxe do mar, permitindo que a imaxinación o leve até aquela ribeira na que, a dicir de Al Faris Ibn Iaquim al alizí, había tres augas que lle agradecer a Deus: o río, as choivas afouladas do monzón e as verbas fantásticas do señor Sinbad Mariñeiro, que o mestre de Mondoñedo aínda escoita verter de xarro a vaso e de fonte a xarro na memoria súa... E o lector abalará a cabeza pensando nas razóns polas que hoxe a utilitaria viscosidade do petróleo enfronta con tanta vantaxe unha innecesaria loita coas ás da imaxinación e a fantasía.

Non sei se hoxe loce o sol, ou se chove, barruza, hai néboa ou vai moita calor para os que gozan de vacacións, para os que traballan, para os que quixeran facelo e mesmo para os que berran sen parar polo teléfono móbil nun deses espazos nos que se refocilan os ‘mercados’,
mais o que si sei de fixo é que o de hoxe —e tamén todos os outros— é o día perfecto para lle dedicar algo do noso tempo á lectura gratificante do que don Álvaro Cunqueiro soubo escribir como moi poucos máis foron quen de facer.

«No mar —deixou dito o noso Sinbad— hai que estar sempre como en visita».

Comentarios