De que nos estrañamos?

DESPOIS DE SABER, como sabemos, que a televisión é para moita xente un certificado de validez, non debería estrañarnos a noticia de que Belén Esteban, de se presentar ás eleccións, sería a terceira forza política do Estado. Se temos en conta a súa cota televisiva, abofé que debería ser a primeira. Consola constatar que un 92 por cento non lle daría o voto, porque só cerca dun 8 por cento a elixiría. Dese oito por cento habería que restar os que deron unha resposta disparatada conscientemente, por acracia ou para reflectir o seu malestar co Goberno e a oposición. Así a cousa non daría para pensar nun país de ignorantes ou de tolos.
Ignorantes haber hainos, mais non o son os que contratan tales personaxes para nolos ofrecer no circo dos seus programas. Saben ben o que fan. Por iso non teñen perdón e son tan culpábeis como os que introducen na cadea alimenticia produtos nocivos. Mais ninguén os demandará por iso. Quen manda é o 'share', é dicir, o número de persoas que están a ver o programa en relación cos televisores acesos a esa hora. Aí, polo visto, a de Leganés é un valor seguro. E iso si que é un síntoma do noso nivel cultural ou, cando menos, da planicie mental do país.

Escribín xa moitas veces que me parece inmoral que haxa tantos xornalistas no paro mentres analfabetos funcionais, persoas famosas por delinquir e arribistas diversos pontifican, ou simplemente vociferan, nos faladoiros de televisión. Cómpre recordar que a carreira de xornalismo era até hai pouco unha das que requirían unha das notas máis altas na selectividade. Suponse, polo tanto, que ten que haber moi bos profesionais en potencia aos que nunca se lles deu unha oportunidade. Imaxínanos a traballar nuns programas máis creativos e, non por cultos, menos divertidos? Cantos se poderían contratar cun soldo digno co que a Esteban gaña nunha noite? Seica non baixa de 100.000 euros ao mes, boten contas. Claro que isto é unha garantía de que non se presentará ás eleccións porque, mesmo no impensábel caso de que chegase a presidenta, non os gañaría nun ano.

Pero, ben pensado, podería acontecer que a fichase por aí algún partido. Non vimos á Cicciolina, actriz porno, estrear en 1987 o seu escano polo Partido Radical no Parlamento de Italia, mostrando as súas protuberancias mamarias? Non permaneceu no seu posto de presidente do Observatorio de Violencia de Xénero da Comunidade de Madrid Jesús Neira, despois de facer mofa e befa das fillas de Zapatero? Non preside a CEOE Díaz Ferrán, un empresario nada exemplar?

Neste mundo ao revés, de que nos estrañamos? «Cosas veredes, Sancho», dixo o tolo inmortal. E, o que son esas cousas, vimos o iletrado Sancho repartir xustiza con sabedoría na parodia da Ínsula Barataria.

Comentarios