Xogos de onte, de hoxe, de sempre en Cospeito

O X Encontro Escolar de Xogos Tradicionais congregou a uns 500 nenos en Muimenta ► A oitava edición de Xotramu acolleu esta cita promovida por Brinquedia
Saltando á comba, en Muimenta.
photo_camera Saltando á comba, en Muimenta.

Brinquedia e Xotramu uniron forzas, facendo coincidir no tempo e no espazo dúas das grandes citas galegas dedicadas aos xogos tradicionais: a décima edición do Encontro Escolar de Xogos Tradicionais e a oitava Festa dos Xogos Tradicionais. O resultado foi xuntar no recinto feiral Manuel Vila de Muimenta ao redor de 500 menores chegados de colexios de toda Galicia para practicaren entretementos de onte, de hoxe e de sempre. 

"Eles son o futuro dos xogos tradicionais, son os que teñen que coñecelos, conservalos e expandilos", explican desde Xotramu, precisando que esta é a primeira vez que Brinquedia trae ata Muimenta esta xornada escolar itinerante na que os participantes teñen a oportunidade de subirse a unha carrilana, saltar á comba, tirar á corda, probar puntería no brilé, saltar o potro ou atinar na boca da rá. 

En total, os escolares poideron practicar unha trintena de xogos da man de Brinquedia e, logo de compartir un xantar campestre, descubrir novas propostas con Xotramu, que lles ofreceu unha mostra de clásicos desta festa, coma o xogo da porca, o arrebolamento de sacho ou as carreiras con rolos de herba seca, xunto con novas propostas, coma a tarabela –débese encaixar unha peza en movemento nun soporte vertical– ou o xogo dos buratos –subir por unha parede chea de ocos unha bola ata metela no que vale 100 puntos–. 

Ademais, un torneiro ofreceu unha clase práctica de elaboración de peóns, de bolos ou da billarda, dous deportes tradicional que tamén poideron practicar. E mesmo ver xogar aos profesionais, xa no recinto feiral Manuel Vila tamén se desputou unha nova edición do Aberto de Billarda da Filloa, con este suculento manxar como premio para os mellores xogadores. 

Esta oitava edición da festa dos xogos tradicionais de Muimenta completouse cunha demostración de deporte rural asturiano, a cargo de Monte Aero, cuxos membros amosaron a súa habilidade cunha motoserra para darlle vida á madeira. Non faltaron tampouco os obradoiros de xogos musicais ou de enredos, así coma unha entrega de agasallos para o alumnado participante e os colaboradores. 

E case sen tempo para botar a chave a esta oitava edición, dende Xotramu xa anuncian novidades para a futura novena festa, porque o obxectivo deste colectivo é ir incorporando novas iniciativas cada ano ao programa e contribuír así a que os xogos de sempre estean de moda.

Comentarios