De novelas!

NO ANO 1975, o lembrado Carlos Casares publicaba en Galaxia a novela ‘Xoguetes para un tempo prohibido’, cuxa acción se sitúa nunha época certamente dura e dificil desde todos os pontos de vista. Veume á memoria ao ler hai uns dias un artículo dun coñecido escritor que, co gallo do bicentenario do nacimento de Darwin, contaba a extrañeza que lle causara atopar nunha libraria de Pontevedra, no ano 1954, o libro ‘A orixe das especies’. Ainda que situado en épocas non tan recuadas, algo semellante nos ocorreu a moitos cando limos ‘O atraso económico de Galicia’ de Xosé Manuel Beiras, publicado en 1972. Resultaba asombroso que a censura lle dese o ‘nihil obstat’, e iso que estábamos moi afeitos a ela. Comentárase daquela que o encargado da sección galega era un cura e non sabia ren de economía. Con todo, os gobernadores civis logo se percataron do que o libro significaba, seguramente cando viron a riola de solicitudes de presentación da obra en todos os recunchos de Galiza. Ainda en 1975 esixiuse como condición para autorizar unha conferencia do coñecido catedrático, a remisión do texto íntegro da charla. Naturalmente non se celebrou, xa que tanto para o señor Beiras como para os organizadores, resultaba absolutamente intolerable.

Pero voltemos aos tempos prohibidos da man de Casares, como protagonista involuntario, porque aquela situación de vixilancia de todo e de sospeitas do mínimo atusmo de activismo, e de incribles cautelas por parte do bando contrario, ás veces conducian a situacións cómicas. Anunciada unha conferencia do mentado escritor, non puido celebrarse a pesar de estar autorizada, porque cando se dirixia a pronunciala un pequeno accidente de tráfico imposibilitou que chegara a tempo. Os organizadores agardamos a que o local se fose enchendo de xente para anunciar aquela continxencia, e mais o aprazamento, e cando o público xa abandoara o salón apareceu a habitual parella da guarda civil, de paisano asi e todo. Ao darlles conta do que pasara mostraron unha certa contrariedade, polo que se lles insistiu en que nada grave sucedera e que o señor Casares estaba perfectamente. Pero a sua inquedanza non era esa, segundo dixeron, senón o problema que lles causaba redactar un informe explicativo dando conta detallada de todo, no canto do que acostumaban facer que era unha simples frase: «Se celebró sin novedad». Para criar o pasmo! Así pois, conviñemos en que por nós poderian dala por celebrada, preguntando eles a seguir de qué ía falar aquel señor. Díxoselles que de narrativa galega, pero seguían insistindo e inquirindo de qué exactamente se ocuparía, polo cal foise criando un certo clima de receo e desconfianza, até que por fin atopamos a chave: falaría de novelas. Con grande sorpresa e unha alta dose de rexouba, un dos números exclamou: «De novelas? Acabáramos!».

Velaí unha mostra do que vai de onte a hoxe que, afortunadamente é moito para todos.

Comentarios