De Moreda a Compostela

O Ceip Monseivane leva todo o curso a traballar sobre as peregrinacións para ver ao Apóstolo. O centro está decorado coma se fose o Camiño Norte, coa catedral de Santiago na entrada
Os pequenos peregrinos de Moreda
photo_camera Os pequenos peregrinos de Moreda

A réplica da catedral de Santiago de Compostela que preside a entrada do Ceip Monseivane, na parroquia vilalbesa de Lanzós, xa dá unha pista clara, pero por se con iso non bastase, abonda con botar unha ollada todo ao redor para saber que este curso o pequeno colexio de Moreda se converteu nunha etapa máis da ruta xacobea.

A mascota da biblioteca do centro, Gali-leo, puxo o traxe de peregrino e detrás dela sumáronse todos os demais, 50 alumnos de infantil e primaria e oito mestres -dous deles itinerantes- que pasiño a pasiño foron descubrindo os segredos da andaina cara á capital de Galicia.

E para que Gali-leo non se perdese, cada aula foille indicando as etapas a seguir. Se a clase de infantil marcaba os pasos entre Ribadeo e Mondoñedo, os de primeiro e segundo de primaria levan todo o curso sinalándolle o camiño cara a Vilalba, mentres que os do segundo ciclo de primaria o acompañan ata Baamonde e os de quinto e sexto chegan a Sobrado dos Monxes. Dende aí, o mapa para a mascota continúa na aula de Inglés, indo ata Arzúa, e a de PT para no Monte do Gozo, ata chegar á catedral da entrada.

A mascota da biblioteca, Gali-leo, fixo a ruta xacobea xunto a unha mestra do centro e coñeceu a Lucía Pérez e a Tonhito de Poi

Pero Gali-leo é un galo viaxeiro, e non só chegou a Compostela no propio colexio de Moreda, senón que fixo o camiño propiamente dito, acompañado por unha das mestras do centro. E como non podía ser doutra maneira, inmortalizou cada etapa cunha foto, e a instantánea final foi con outros dous peregrinos ilustres neste 2017, Tonhito de Poi e Lucía Pérez, que percorreron o Camiño Francés.

E tanto lle gustaba a Gali-leo iso de irse achegando a Compostela que ata lle transmitiu a ilusión a varias das familias que teñen nenos no Monseivane, que tamén se apuntaron á experiencia e gañaron a súa propia compostelana.

Todos os grandes proxectos do centro xiraron ao redor disto. No Nadal fixeron un belén que á súa vez era un ruta xacobea, con replicas dalgúns dos monumentos máis significativos do percorrido, coma a torre dos Andrade ou a igrexa de Baamonde, e tamén tiveron unha árbore de Nadal engalanada con cunchas de vieira pintadas. No Entroido, as comparsas inspiráronse en elementos típicos dos lugares polos que pasa o Camiño Norte, coma os pescadores da Mariña ou o Rei das Tartas de Mondoñedo. E nos Maios, deseñaron unha espiral con pedriñas pintadas con motivos xacobeos.

No día a día tamén está presente o espírito do peregrino, con traballos como entrevistas ou reportaxes relacionadas co tema ou confeccionando exposicións temáticas nos espazos comúns do centro, que se foron variando ao longo do curso, asociadas ás diversas celebracións, á viaxe de Gali-leo, á figura do peregrino. E aquí e acolá hai cunchas decoradas, imaxes do mítico Pelegrín do Xacobeo 93 ou outras iconografías, coma frechas, indicadores do camiño, botafumeiros...

Por suposto, as viaxes tamén teñen que ver co Camiño Norte e así, cunha saída a Ribadeo e unha excursión de fin de curso na que os maiores camiñaron do Monte do Gozo á Praza do Obradoiro.

E para recadar fondos, os rapaces levan meses deseñando chapas ou imáns con distintos motivos, típicos da zona ou inspirados nas peregrinacións.

Comentarios