domingo. 31.05.2020 |
El tiempo
domingo. 31.05.2020
El tiempo

Dani de la Torre, de pagafantas a superheroe

Parte do público do pregón de Monforte
Parte do público do pregón de Monforte
O director de 'O descoñecido' regresou ao seu Monforte natal para dar o pregón inaugural das festas patronais e conquistou o público de todas as idades

Dani de la Torre non ten o punto de ‘'malote'’ de Luis Tosar, o protagonista de ‘O descoñecido’, pero tampouco lle fai falla. Aínda que teña certo aspecto de pagafantas —esta é unha apreciación persoal da que escribe feita con todo o agarimo— é o home do ano. Así que, como non podía ser doutra maneira, o monfortino que leva meses arrasando no mundo do cine regresou este xoves á súa cidade natal para dar o pregón inaugural das festas.

A xulgar polo público concentrado no Campo de San Antonio e polos aplausos, o do director de ‘O descoñecido’ foi un dos mellores pregóns dos últimos anos. Corto, conciso e de corazón, coa mestura perfecta de emoción e sentido do humor.

As primeiras palabras foron de arrepío pola vaga de incendios de asola Galicia, de agradecemento ás personas que están loitando contra o lume e de condena aos autores de semellante lacra.

Feito o inciso, tocou entrar en materia e alí estaban os seus pais, amigos e incluso compañeiros da Televisión de Galicia onde De la Torre traballa a diario, entre eles Terio Carrera, agardando polas anécdotas que ía debullar o cineasta.

"Cando nacín hai 41 anos no Matías co cordón umbilical ao pescozo xa fixen os meus pinitos no thriller", comezou. Aí xurdiron os primeiros aplausos porque o que demostrou o pagafantas no pregón deste xoves é que sabe o que quere o público. Os asistentes querían anécdotas, cercanía, saber que os directores de cine son de carne e óso, que tamén caen da bicicleta e sangran coma os demais. E este xoves, De la Torre puxo todo iso en bandexa.

Continuou co recordo do que era vivir pegado ás vías no barrio de Rioseco ou das rifas que había na casa cando chegaban as notas. "O thriller mudaba en película de terror", engadiu sobre iso. Ao pouco contou una anécdota dunha tarde no club fluvial que fixo que un grupo de xente que había de pé ao fondo do Campo de San Antonio escachase coa risa. Eran os seus amigos da adolescencia que tamén se viran naquela lea. Despois viñeron o seu paso por un coro, as primerias mozas, ou segundo el mesmo dixo, as primeiras cabazas das mozas, e a vespino. Con dez anos entrou no teatro Lemos para ver ‘E.T’. e deu un paso máis cara o seu destino: o cine. O seguinte daríao cando Piro —o fotógrafo Manuel Valcárcel para os de fóra de Monforte— lle falou da escola de Imaxe e Son de Ourense.

Estaba nesas, lembrando o transo da vida de estudante ao profesional cando se viu ao Dani de la Torre máis humano. Falou de María, a súa compañeira de vida, e da súa familia. A primeira parada tivo que facela cando recordou os avós, porque a emoción comezou a agromar, e as seguintes tocaron ao nomear os seus irmáns.

Tamén falou de Tosar e recordou que cando lle preguntaron ao actor como aceptara protagonizar unha película de De la Torre, este contestou: "A un de Monforte non se lle di que non".

E con todo iso o pagafantas mudou en superheroe monfortino durante o pregón.