domingo. 18.08.2019 |
El tiempo
domingo. 18.08.2019
El tiempo

De gatos belgas

UN SERVIDOR é dos de infancia con gato na casa. Ou case na casa, porque a verdade é que todos os gatos que nela acordo gozaban de ampla liberdade de movementos e mesmo diría que de residencia polo que non era nada raro que andase desaparecido durante varios días e que ninguén se estrañase por iso, sabedores como eramos de que o animaliño tiña outros mundos que explorar e outras obrigas ás que atender. Con todo procuraba non abusar desas súas ausencias e facía o posible para que souberamos del case todos os días, aínda que non fose máis ca unhas horas. Aparecía sempre, iso si, á hora de limpar o peixe, cando o había, ou se miña nai o chamaba co ton de ofrecerlle algo que fose do seu interese. Cando ía frío el, naturalmente, ocupaba o lugar máis cómodo e quente da cociña; nos días de calor o normal era atopalo durmindo no recuncho máis fresco e, cando preciso era, sabía cumprir co seu deber murador e cazaba algún rato -que daquelas aínda os había nas casas- do que se viña chufar, fachendoso, para deixar testemuño da observancia do seu convenio laboral. Ningún, que eu acorde, chegara nunca a ter nome propio. Cada un deles era, simplemente, ‘o gato’, pero estaba claramente diferenciado entre os moitos e moi semellantes conxéneres seus cos que se movía polo barrio e el ben sabía que era ben querido, por máis que os cativos lle fixeramos ás veces algunha trasnada pouco edificante. Mesmo eramos quen de distinguir sen nos enganar a súa silueta en calquera lousado a contraluz da primeira lúa do ano. «Anda ás xaneiras», dicíanche, e ti entendías, por natural, aquela vontade de perdurar que movía ao animal.

E lemos en El Progreso que en Bélxica as autoridades correspondentes acaban de decidir algo semellante á extinción progresiva da especie esterilizando a todos cantos gatos e gatas haxa no país, de maneira que para o ano 2016 non quede ningún capaz de andar ás xaneiras belgas cun mínimo de posibilidades de futuro. «É que os abandonan os seus amos e, claro, inzan ao bravo...». Como se a culpa fose do animal. Non é que sexa novo nin especialmente orixinal este propósito de coutar a perdurabilidade de algo do que, a xuízo de determinados aprendices de bruxo, cómpre desfacerse o máis axiña posible, ben utilizando química avanzada, capadoira clásica ou decreto do DOG, pero todos sabemos que por moito empeño que poñan no intento sempre haberán unha gata e máis un gato capaces de burlar certas ordes para non permitir que deixe de se transmitir o que eles recibiron no seu momento.

En Bélxica tamén.

De gatos belgas
Comentarios