sábado. 06.06.2020 |
El tiempo
sábado. 06.06.2020
El tiempo

De estratexia

Da estratexia
Da estratexia
Unha reflexión sobre a estratexia militar a raíz dun ensaio de Lawrence Freedman, traducido por La Esfera de los Libros

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

EU, COMO A MAIOR parte dos meus queridos lectores supoño, téñome por pacifista, aínda que con certos límites marcados pola ética máis fundamental. A non violencia atopa os seus límites en réximes políticos que usan todo o seu poder para destruír aos inocentes e a humanidade ten afrontado situacións nas que o recurso á violencia en defensa propia foi inevitábel.

Precisamente por isto último son un grande afeccionado á historia militar, que por desgraza ten pouca tradición en España por culpa de que unha boa proporción dos uniformados ata hai ben pouco presumían de brutalidade e baixo nivel cultural. Aos teóricos do militar debemos basicamente o concepto de estratexia, usado agora por extenso en moitos eidos da sociedade.

Esa extensión fixo posíbel que no mundo anglosaxón se historiase a estratexia. Encargouse Lawrence Freedman, profesor de Estudos Bélicos no King’s College de Londres e autor de Estrategia. Una historia, traducida por La Esfera de los Libros non hai moito nunha empresa editorial que podemos considerar arriscada dada a temática. O selo xa ten experiencia pois súa foi a mellor tradución a un idioma peninsular dun dos libros máis influentes da historia, Da guerra de Carl von Clausewitz.

A obra ten unha estrutura que a este crítico lle costa compartir e isto é pola presenza dunha parte central de contido político enmarcada por outras dúas correspondentes á estratexia militar e á empresarial. Harry Yarger, estudoso estadounidense, dicía que a estratexia era "o dominio do intelecto poderoso, do estudoso de toda unha vida, do profesional dedicado e do ego invulnerábel". Agás isto último, resulta difícil atopar nas últimas décadas verdadeiros estrategas da política. Engádase no caso particular español as confusións coa táctica e as que podemos atribuír ao deporte —esas xogadas de estratexia que mellor se poden chamar de encerado—.


O terreo da estratexia militar recibiu moita atención na segunda metade do século XX, sobre todo a partires do desenvolvemento do que Eisenhower chamou "o complexo militar-industrial". As guerras mundiais e a Guerra Fría conduciron a fondas análises que Freedman repasa con tino e acerto na síntese. As cuestións operacionais e éticas dominan sobre consideracións de tipo máis filosófico.

A filosofía aparece no segundo bloque: a estratexia dende abaixo. Malia que tradicionalmente se considerou a estratexia propia das clases gobernantes, Freedman considera que hai unha liña particular que se inicia en Karl Marx, pasa pola toma de poder dos comunistas en Rusia e remata nos movementos populares do século XX, en particular nas loitas sobre toma de decisións da minoría negra nos Estados Unidos entre 1950 e a fin da guerra de Vietnam.

O xigante norteamericano tamén protagoniza a última parte, dedicada aos negocios, que nestes intres concentran boa parte da innovación estratéxica, polo menos en canto ao filosófico. As narrativas de como Rockefeller, Henry Ford ou Alfred Sloan ergueron os grandes imperios estadounidenses son o máis apaixonante do ensaio e convidan a lecturas posteriores —especialmente recomendábel a biografía de John D. Rockefeller escrita por Ron Chernow—, pero se lemos a obra como un manual o mellor queda para o final: Michael Porter e as súas obras sobre análise estratéxica, das que calquera pode tirar un proveito para a vida diaria. E é que a grande estratexia pode quedar para os poderosos, pero todos nós podemos ter paso curto e mirada longa.

De estratexia
Comentarios