De esguello

A SEGUNDA canle da TVE emite un programa que titula ‘Os anos do No-Do’, escolma documentada das imaxes e os textos de aquel importante órgano de propaganda do franquismo, que hoxe constitúe un testemuño sumamente útil para acceder ao coñecimento de aqueles lonxanos anos. Pois ben, o outro día tivemos ocasión de ver e de escoitar unha actuación da Coral Polifónica de Pontevedra, que coma outras moitas de aqueles anos con son estereofónico ‘avant la tetre’, con esa pátina de tempos idos que me fixo lembrar un verdadeiro tesouro fonográfico: o Concerto para violin en si menor (opus 61) de Edward Elgar gravado en 1932, baixo a sua dirección e cun xoven Yehudi Menhuin. Pero os camiños da memoria discurren por variadas xeografías: na Coral cantou Alexandre Bóveda e furgando nas revoltas asociativas, fomos dar ao Coro Cantigas da Mariña de Ribadeo fundado e dirixido en 1924 por Amando Suárez Couto. O telón de fondo, que representaba un casario da Palmeira, na parrouia de Ove, era obra do pintor Camilo Díaz Baliño, vítima da represión franquista en 1936 e pai de Isaac Diaz Pardo. Anos despois, en 1934, a colectividade participa na Coruña na homenaxe a Curros ao pé do seu monumento. Daquela era presidente do coro Claudio Pérez Prieto, dado que nos atrevemos a aportar cunha certa afouteza pola nosa parte, tendo en conta o andacio de especialistas en curiosidades históricas ribadenses aló polas proximidades da foz do Masma.

O caso é que en relación co farmaceútico, e responsable do Partido Galeguista no tempo da República, tivemos ocasión de ler unha mais que sorprendente e inexplicable apotegma sobre a sua distancia co grupo Galaxia. E alá cada quen coas suas simpatias, pero o feito de ser siareiro do sistema de aprendizaxe musical soviético, non deberia ser incompatible coa lectura e, concretamente coa introdución de Ramón Piñeiro ao libro de Daniel Cortezón ‘As covas do rei Centolo’, volume por certo dedicado a Claudio Pérez Prieto. Nunha especie de carta ao autor aporta Piñeiro dados bastante reveladores sobre as distancias e as cercanias. Obviamente poderiamos aportar a cita -fidelmente transcripta, claro-, pero tampouco queremos incorrer no séptimo dos pecados capitais por un asunto menor. Por outra banda aducir o noso propio testemuño, mesmo documental, de nada serviría, tendo en conta a frecuencia nas visitas á ‘mesa-camilla’ e xa que logo a nosa mais que sospeitosa simpatia coa axencia de intelixencia americana, por moito que probemos que nada tivemos que ver co lanzamento dos escarabellos da pataca que a axencia inzou polo pais. O único importante nesta materia é o rigor, intelectual e do outro.

Haberá que escreber a peripecia biográfica de Claudio Pérez Prieto. Pero de bastantes mais cousas comprirá ocuparse: dos filántropos, retornados ou non, das respostas do pais ás suas iniciativas, do bulo do progresismo inherente que a abundancia de camisas vellas de orixe ultramariña desminten, das casas de indianos que non son tais, etc.

Comentarios