De elegancias

“O problema é que os fillos acreditan no que lles din os adultos e, unha vez adultos, vínganse enganando aos seus propios fillos. `A vida ten un sentido que os adultos coñecen’ ou o que é o mesmo `xa o entenderás cando sexas maior’, é a mentira universal na que todo o mundo está obrigado a crer. (...)

Todos coidan perseguir as estrelas e rematan coma peixiños de cores no acuario. Digo eu que todo sería moito máis sinxelo se dende un principio se lles ensinase aos rapaces que a vida é absurda. Iso habíalle roubar algún bo momento á infancia, mais faríalle gañar un tempo precioso ao adulto –sen contar con que un aforraría como mínimo un trauma: o do acuario”. Quen así fala chámase Paloma, ten doce anos, vive na rúa Grenelle de París e ten pensado suicidarse cando faga os trece.

Ela é a protagonista –xunto á porteira Renée- de A elegancia do ourizo de Muriel Barbery, publicada en galego pola editorial Galaxia. Descubrir o absurdo non é tarefa para nenos, é a evidencia da covardía dos adultos de non se atrever a derrubar os muros que nos cinguen. As derrotas, os desconsolos, os fracasos só nos recordan os límites transparentes e insuperables do acuario. Mais nunca deberan roubarnos a utopía de perseguir estrelas.

Comentarios