Jorquera: ''El BNG está en un punto de partida más fuerte del que algunos hacen creer''

Cara amable da UPG, Francisco Jorquera cumpre o papel de apagalumes, lembrando que o fundamental é plantar cara ao PP. Nun café de redacción co Grupo El Progreso, insiste en que o escenario electoral está "aberto".  
 
P ¿Cando cre que serán as eleccións? ¿Está o Bloque preparado? 
R Quen ten que contestar á primeira pregunta é Feijóo, pero hai moitos datos que apuntan á posibilidade de que sexan en outono. Por exemplo, os presupostos estatais son artificiosos no que respecta a Galicia, o que podería ser un dato de que están pensados para que as eleccións sexan antes de final de ano e facer un uso propagandístico deles. En calquera caso, o BNG está preparado para que ese proceso sexa no outono ou no remate da lexislatura. 
P ¿A pesar das escisións?  
R É evidente que non son un dato positivo, pero sentímonos con forzas e enerxía para superar esa situación. O BNG está cheo de vitalidade e ambición para facer posible o cambio que necesita o noso país. Por moito que se produciran baixas, superamos ese proceso máis fortalecidos, unidos. 
P ¿Cal pode ser o impacto electoral? 
R Nunca fun amigo de facer quinielas, entre outras cousas porque estamos falando duns comicios que aínda non foron convocados. Cremos, con toda humildade, que somos a forza máis útil neste momento para que haxa un cambio en Galicia que non signifique ‘quítate ti para poñerme eu’. Imos concorrer ás eleccións coa lexitimidade que nos dá termos sido os primeiros en defender posturas que agora son asumidas por outras forzas, como a política pública centrada no crecemento, loitar contra a fraude fiscal... 
P ¿Teñen enquisas propias? 
R Encargadas por nós non, pero temos acceso a inquéritos que pintan un escenario aberto. Se analizamos a evolución últimos tempos, é evidente que hai un malestar social crecente coas políticas do PP, que está a provocar desafección en moitos electores que en anteriores procesos votaron ao Partido Popular. E o BNG está nunha posición de partida moito máis forte do que algúns pretenden facer crer. 
P Tendo en conta as escisións, ¿un resultado como o de 2009 (12 escanos) sería satisfactorio?  
R A día de hoxe, principios de xuño, si. Pero de aquí á celebración de eleccións queda moito tempo. O Bloque vai facer un traballo moi intenso e temos confianza en que teña un reflexo e ata que as expectativas se vexan superadas; ratificar a confianza que milleiros de galegos depositaron en nós e solicitar tamén a doutros.  

P ¿Pode haber outra forza nacionalista na Cámara? 
R
Sempre manifestei que creo que en Galicia non hai espazo para dúas forzas nacionalistas, pero o tempo dará e quitará razóns. O que creo é que o principal argumento que está a usar o PP para intentar reter a maioría absoluta é proxectar a falsa imaxe de que non hai alternativa, e unha estratexia deles consiste en magnificar a dimensión que para o BNG tiveron esas baixas. Por iso creo que as persoas que deron ese paso, aínda que non pretenden favorecer o PP, se confunden.

''Se fose preciso un acordo co PSOE o substancial non vai ser 'esta consellería para ti e esta para min', senón acordar un programa"

P ¿Aspira a que volvan, como fillos pródigos? 
R En política hai que deixar tempo ao tempo.  
P ¿Serían ben recibidos?  
R Non quero ser descortés, pero vexo que hai colectivos que din estar a intentar construír unha alternativa ao BNG. Para nós o prioritario é ser alternativa ao PP, porque é o que goberna e practica políticas lesivas para os intereses das maiorías sociais. Coa que está caendo, creo que se confunden en centrar os esforzos en construír unha alternativa ao BNG. 
P ¿Ve amizades estrañas entre eles, como a presenza de Rafa Cuiña? 
R Creo que teñen unha dificultade real para concretar un proxecto político congruente, na medida en que aí conviven non só ópticas diversas, que non é malo, senón absolutamente contraditorias. E iso é unha dificultade evidente.  
P ¿Como ve a nova corrente de Aymerich, Abrente?  
R O BNG é unha forza plural e diversa. Estou convencido de que a achega dese colectivo vai ser moi importante para seguir enriquecendo o noso proxecto político, como xa o foi sempre a achega das distintas persoas que a integran.   
P ¿Que tal a relación co posible socio de goberno, co PSOE? 
R É unha relación correcta pero entre dúas forzas con idearios e proxectos diferentes. Sería precipitarse especular xa, pero se fose necesario un entendemento, o substancial é poñerse de acordo nun programa. As cuestións non van ser ‘esta consellería para ti, esta para min’; serán banco público galego, reforma fiscal, priorizar a sanidade e o ensino... 
P Imaxino que non dirá se se ve como vicepresidente da Xunta...
R  De  momento véxome como candidato. Iso si, o BNG non naceu para ser complemento de ninguén nin unha pata que dea soporte a outra forza política. 
P ¿Como lembra o bipartito? 
R Se comparamos o seu balance de xestión co que pode presentar Feijóo a día de hoxe, o bipartito gaña por goleada. É evidente que se cometeron erros, pero moitas políticas iniciadas foron boas
P ¿Espera unha campaña dura?
R O PP é especialistaen facer oposición da oposición. Nunca é responsable de nada; a este ritmo Feijóo vai acusar o BNG de estar detrás do asasinato de Kennedy. Nós non imos facer unha campaña de descualificacións.  
 
 
''O último capricho que me permitín foi viaxar a París coa muller e os fillos tras as eleccións xerais''

 

P ¿Cales son as súas principais afeccións? 
R Pasear, ir ao cine, ao teatro, ler... Non teño un hobby que poida enfatizar sobre outros. 
P Unha cor. 
O azul; xa sei que é unha resposta politicamente incorrecta pero é a cor que máis me gusta, menos en política.
P ¿E un lugar especial?
R Afortunadamente o noso país ten moitísimos lugares máxicos, pero o que máis rápido me vén á memoria son as Fragas do Eume. Nacín en Ferrol e forma parte da miña memoria desde a nenez. Que se viran ameazadas causoume un auténtico arrepío. 
P ¿Que libro ten agora na mesiña de noite? 
Agora mesmo, ningún. Ultimamente a miña axenda é tan frenética que non teño ningún na mesiña. Pero un libro recente que lin foi El sueño del celta, o último de Vargas Llosa. 
P O que nunca falta na súa neveira.
R Como teño fillos, iogures.
P Confese... ¿fixo trampa nalgunha ocasión?
R Creo que fixen algunha trampa de neno, pero miña nai sempre dicía: ‘Paco non sabe mentir’. Creo que sempre fun bastante honesto, entre outras cousas porque se pretendese o contrario se me ía notar moito. 
P Non sae da casa sen...
Aos que somos fumadores pódensenos esquecer o móbil, o reloxo e os lentes, pero un paquete de tabaco non, por desgraza (risas).
P ¿O último capricho que se permitiu?
R Viaxar coa muller e os fillos a París no Nadal. Era unha cidade que non coñecía e despois da campaña das xerais, que me deixou extenuado, fomos.
P ¿E que coche conduce?
Un Citroën Xsara. 
P ¿A quen non levaría a unha illa deserta?
Pois a Feijóo, desde logo.
P Na mesa, non pode resistirse ante...
R Un prato que creo sublime é o arroz con bogavante.
P E á hora de vestir, ¿traxe ou vaqueiros?
R Cando non teño compromiso de axenda, vaqueiros.
P Unha viaxe inesquecible.
R Á Toscana, coa miña muller.
P ¿Unha materia pendente?
R Profundizar nos estudios de Xeografía e Historia e nesa faceta de historiador.
P Algo do que se arrepinta.
R De ter dado algún paso persoal, nada político, que despois vin que fora un erro.

Comentarios