De campañas e lugares

A FOTOGRAFÍA dun hórreo engalanado coas cores de Windows converteuse na imaxe que acompañou o lanzamento dunha nova versión dun sistema operativo que pretende deixar atrás moitos dos problemas ocasionados polo impopular Windows Vista. Como é sabido, a multinacional escolleu para a súa campaña Sietes, unha pequena e até o de agora descoñecida localidade da montaña asturiana que non chega ao medio cento de habitantes. O acontecemento e os seus preparativos revolucionaron as rutinas duns veciños que participaron nun programa de aprendizaxe para o manexo do software, estreándose moitos deles no mundo da informática. Os seus testemuños foron empregados nunha mensaxe publicitaria que pretende incidir na facilidade de utilización do produto pregoada pola multinacional como un dos seus maiores avances.

A fórmula e os ingredientes da campaña son abondo coñecidos: tipismo, riqueza etnográfica e paisaxística, 'locus amoenus', ritmo de vida tranquila das súas xentes e afastamento do mundanal ruído, mesmo do ocasionado polas novas tecnoloxías. Tamén o é a mensaxe que promociona a sinxeleza, a accesibilidade e a universalidade dun produto capaz de chegar a lugares apartados e ser utilizado por persoas con apenas experiencia e alfabetización dixital. Os beneficios da campaña prometen contiosos para a multinacional e, pasado o día e a romaría, anecdóticos para a localidade que serviu de sede.

O contraste entre o local e o global empregado como materia prima da publicidade constitúe unha metáfora, ben menos colorista que a fotografía, do acceso ás novas tecnoloxías nos pequenos e non tan pequenos núcleos de poboación. Os ordenadores instalados para a ocasión en Sietes transformaron a imaxe dunha localidade a onde non chegaran aínda estradas que permitisen a conexión a internet a unha velocidade digna. A xeografía galega ofrecería enclaves tan axeitados coma Sietes para soñar por un día cun mundo no que as novas tecnoloxías fosen unha realidade. Entre tanto, campañas como a do lanzamento do sistema operativo Windows 7 non deixan de ser un triste paradoxo.

A escolla da localidade asturiana estivo motivada polo seu topónimo, que semellaba cadrar co número da nova versión. Nesta decisión podemos tamén atopar outra fórmula que nos resultará coñecida, a da interpretación castelanizante dun nome emparentado coa palabra sietu ('seto') ou sebe antes ca co díxito siete. A xeografía galega podería tamén fornecer de exemplos semellantes calquera campaña publicitaria, con Guieiras, Brelas e  Haciadamas, que ensombrecen formas como Aguieira, Abrela ou Acea de Ama.

Ás veces, as poderosas ferramentas da publicidade non conseguen ocultar cos seus decorados a realidade, neste caso familiar, que asoma polas gretas dunha pintura aínda fresca.

Comentarios