De asesores e expresións

BUENAS TARDES. Le habla su asesor personal para internet...» escoitas nada máis descolgar o teléfono e a mensaxe chega co ton impersoal desas gravacións que nunca poderán evitar de todo un aquel mecánico e pouco natural que nos produce algo semellante á desconfianza levándonos a adoptar a actitude defensiva e receosa de todo aquilo que non forma parte do que podiamos encaixar dentro do que consideramos que nos é propio. Claro que iso de que te chame por teléfono nada menos que o teu ‘asesor persoal’ toca, aínda sen ti querelo, algo novo na túa vaidade e deixas que a imaxinación comece a lle dar voltas ao concepto e a facer memoria de quen son os que, coma ti, poden permitirse o luxo de ter asesor persoal e á cabeza véñenche presidentes, actrices e actores de cine, conselleiros, empresarios con iate e amarre en propiedade, ministros, tertulianos dos de berrar pola televisión, alcaldes e unha restra infinita de ‘ex’ do que sexa todos pertencentes a un mundo que lles é propio, do que soamente eles teñen a chave e no que ti tes negada a entrada para sempre. Ou iso pensabas até a recepción desta chamada telefónica que parece abrir unha esperanzadora regaña na porta blindada desa descoñecida dimensión.

Mentres ti fantasias a voz gravada pídeche que sigas agardando e avísate de que a chamada é gratuíta, algo que non che permite baixar de todo á realidade: Será, pensas, que fun eu quen chamou pedindo que se me proporcionase un asesor persoal? Porque se non é así, cal é a razón de que se me advirta da gratuidade dunha chamada que eu non realicei? Claro que un aínda anda a se mover no plano dos non asesorados persoalmente e se cadra a confusión vén dada por esa carencia, reflexión esta que dá paso a outra dúbida: O que a min me adxudicaron, será muller ou home?, vello ou novo?, será máis de viño ou de cervexa?, a que dedicará o tempo que eu lle deixe libre...? Certo que, segundo che dixeron, o da asesoría túa é para internet, pero ti tes dereito a confiar en que iso sexa soamente o principio. Todos sabemos que os políticos, que son os que teñen os asesores mellor pagados —case sempre con cartos públicos—, botan man de cuñados, fillos de xefes, amigas de toda a vida, curmáns, sobriños do cónxuxe... pero nunca de descoñecidos.

Agora xa non é a voz gravada a que che fala polo teléfono e, para o teu desencanto, nada do que che di responde ás perspectivas antes imaxinadas. O tal ‘asesor’ nada ten que ver co concepto real do termo e ti, mentres farfallas unha xustificación para cortar a conversa, sentes mágoa e carraxe polo maltrato que se lle está a dar ás palabras.

Colles despois o xornal e fíxaste no que conta dese pastor dunha igrexa pouco menos que persoal, que andou a ameazar con se dedicar á queima de exemplares impresos do Corán coa clara intención de acadar eses minutos de gloria mediática que probablemente o fagan rico en cartos e ves que alí pon ben claro: «el reverendo Terry Jones» para se referir a el, non che queda outra que pensar que se o fulano ese merece semellante tratamento a próxima vez que chamen os da’asesoría persoal’ haberá, como pouco, que se desculpar con eles... 

Comentarios