De amores e amadores

PORQUE MO permite o duplo sentido da palabra ‘amador’ (‘afeccionado’ e ‘o que ama’), referireime ao vixésimo quinto aniversario do grupo de teatro Achádego como o da celebración das súas vodas de prata.

Amor e afección, fidelidade case conxugal por parte de moitas das persoas que o integran desde o principio e tamén polas novas que lle prometen un longo futuro. Hai, polo tanto, moito que festexar.

Moito que festexar porque os avatares dun grupo deste tipo transcenden a súa biografía, as súas venturas e desventuras, e convértense en historia da comunidade en que se desenvolven.

Láianse algúns profesionais do teatro da presenza de formacións así xa que, segundo aseguran, lles restan actuacións a eles. Nada máis falso. Primeiro, porque os afeccionados non xorden como as plantas ventureiras, sen seren cultivadas. A maioría dos consumidores de teatro - para dicírmolo en termos económicos- movéronse arredor da escena non profesional, ora como actores, ora como espectadores. Segundo, porque estes grupos equivalen á canteira dos equipos de fútbol e, sen excluír por isto estudos regrados, son un seminario de artistas. Por exemplo, en Ditea, o veterano do noso teatro amador, comezou Xosé Manuel Olveira ‘Pico’, ben coñecido pola súa mestría en papeis diversos, falecido este mesmo ano. Do mesmo xeito, por Achádego pasou o noso actor vivo máis internacional, Luís Tosar, onde, entre outras cousas, formou parte do reparto de ‘O irlandés astrólogo’, de Luís Seoane. E, por se isto non abondase, hai que engadir que os grandes elencos non adoitan levar as súas montaxes ás pequenas vilas e aldeas da nosa xeografía, expostos a seren, ás veces, máis actores que público. Isto só se pode facer cando se vive polo teatro, pero non do teatro.

Nado con vocación de intervención social (non por casualidade iniciou a súa presenza pública o Día Mundial dos Dereitos Humanos cunha obra de Buero Vallejo, ‘A dobre historia do doutor Valmy’), Achádego segue a pé de obra representando pezas de autoras ou autores de noso xunto con outras vertidas ao galego, na teima de lle dar á nosa lingua o lugar que lle corresponde.

Que sexa un grupo amador non implica falta de calidade, de nivel artístico. Perdoen se a proximidade afectiva que teño con Achádego me inclina á hipérbole, mais eu colocaríao ao lado doutros que son profesionais e de nivel.

«Si me muero que sepan que he vivido/para pasar el tiempo a los de atrás», escribiu Blas de Otero. Glosándoo, teriamos que dicir que, nun mundo ateigado de realidade virtual, Achádego vive para pasar a realidade tanxíbel do teatro, ese pulso dos pobos, aos que veñan despois.

Comentarios