De acentos e vírgulas

Cando eu era nena facíanse moitos ditados na escola. Despois da corrección colectiva, a mestra preguntábanos cantas faltas cometeramos e nós, por exemplo, cantabamos: «dúas e tres de acentos». E é que omitir ou colocar mal o acento gráfico semellábanos menos grave que trocar o b polo v ou viceversa. Tiveron que pasar os anos para que me decatase da importancia real do diminuto trazo. Non é que descoñecese o seu valor ou que non acentuase correctamente, é que non batera coa imposibilidade de coñecer o verdadeiro nome dos lugares polos que pasaba. Así botei moitos anos coa idea de que un lugar que hai na estrada de Ourense, perto de Guntín, se chamaba Valdeporras e non Valdeporrás, que, se non ando errada, se refire a plantacións de porros, a hortaliza, claro. Outro tanto me aconteceu con Rodrigatos de Obispalía, na provincia de León, e cunha morea de topónimos máis. E é que neste país non se acentúan os letreiros por sistema. Por iso me chamaba a atención o coidado con que rotulaban en Portugal, e digo «rotulaban» porque agora xa se van sumando á moda desta beira do Miño. Outra teima é a de non acentuar as maiúsculas cando corresponde. Hai moitos anos un inspector chamoume a atención diante dos alumnos porque leu no encerado África co acento ortográfico no seu sitio. Eu, tamén diante dos alumnos, respondinlle que o equivocado era el e ofrecinlle a explicación que me dera meu pai e eu mesma comprobara na súa vella ‘Underwood’, a máquina de escribir que lle trouxeran dos Estados Unidos cando era mozo: O acento estaba unicamente á altura das minúsculas e, ao escribir unha maiúscula, quedaba tapado. Non sei se o erro tan divulgado responde a ese motivo, mais meu pai, que de vivir tería 101 anos, sempre me insistiu en que era iso, un erro xerado pola mecanografía.

 

Para a coma ou vírgula tamén corren malos tempos. Eu mesma teño a impresión de que hiperpuntúo cando leo o que estou a escribir. O de omitila nos vocativos é tónica en boa parte dos escritores actuais. Mais o que non se pode negar é que non é o mesmo «Manolo, apura» que «Manolo apura». Significa, diferencia e, daquela, é necesaria. Eu, cando ensinaba, adoitaba ofrecer sen vírgulas este texto ou outro semellante: «Salvamos a Pepe non ten que morrer». As diferentes solucións facíanlles ver como da puntuación podía depender a vida dun home. «Salvamos a Pepe, non ten que morrer». «Salvamos a Pepe? Non, ten que morrer».

 

Desculpen, amábeis lectores e lectoras, que hoxe me puxera didáctica. Deformación profesional, xa se sabe. Seguro que calquera de vostedes puntúa mellor ca min e acontece como cando os que chegan en tempo escoitan as diatribas contra os impuntuais. O meu propósito non é instruír ninguén, senón poñer de manifesto a perda de cousas imprescindíbeis para establecer matices. A planicie de pensamento que impera tamén se deixa ver na ortografía. Nisto, como noutras cousas, xorde a vella pregunta: Que foi primeiro, a galiña ou o ovo?

Comentarios