Lunes. 24.09.2018 |
El tiempo
Lunes. 24.09.2018
El tiempo

"O ÚNICO QUE FAI A XUNTA COAS RESIDENCIAS É POÑER ATRANCOS» «SANTOS É A PERSOA MÁIS VÁLIDA PARA A SECRETARÍA PROVINCIAL"

Campos: "Preocupámonos da xente e do rural, por iso somos quen máis investimos na provincia"

Darío Campos, no seu despacho no pazo de San Marcos
Darío Campos, no seu despacho no pazo de San Marcos
Darío Campos apóiase nos investimentos millonarios no que vai de mandato en infraestruturas, emprego ou benestar para resaltar que a Deputación é unha institución cada vez máis próxima ás persoas e ao rural. Pensa que o goberno gañou en estabilidade tras incorporar a Manuel Martínez e proponse sacar adiante un novo plan único

O NOVO curso político na Deputación virá marcado por una nova negociación do orzamento, da que Darío Campos, pese a gobernar en minoría, espera saír airoso e cun bo paquete de investimentos para atender as demandas veciñais. Tamén aspira a conseguir, tras anos de espera, que abran as súas portas dotacións como as residencias ou o centro de recría.

Acaba de superarse o ecuador do mandato. Cal foi ata agora o principal logro do goberno que lidera?

Gobernamos para todos os veciños e veciñas da provincia. Preocupámonos por resolver os problemas da xente, e en Lugo iso é preocuparse polo rural e polo social. Ese ten que ser o labor da administración. Como presidente da Deputación, sempre dixen que entendía a política como medio para resolver os problemas da cidadanía e niso estamos. Por iso somos a administración que máis inviste na provincia con diferenza.

Que investimentos destacaría?

En obra pública fomos quen máis licitamos en Lugo, levaremos uns 70 millóns a través de programas como o plan único ou o de estradas. Licitamos máis de 600 obras, dende arreglos viarios ata accesos a núcleos e traídas. E a nivel de emprego, sen ter as competencias, tamén somos quen máis inviste, máis de 23 millóns nos últimos anos a través do Ben Empregado. Está tendo unha inserción laboral do 30%, non o logrou ningún outro plan estatal nin autonómico, e imos pór agora en marcha a cuarta edición. E pasa o mesmo en áreas como o deporte e a cultura.

Traballo
"Levamos investido máis de 23 millóns co Ben Empregado, cunha inserción laboral que non logrou ningún outro plan"

Bombeiros
"Nós témolo claro coa equiparación dos soldos e coa xestión directa, quen se contradín son a Xunta e o PP"

Continuidade
"Se os compañeiros queren que siga, pensareino; se non queren, non vai haber problema"

Xunto con esas políticas de emprego, como se materializou esa preocupación polo social?

As políticas sociais foron outras das nosas prioridades. Levamos investido nos últimos dous anos máis de catro millóns en atender os nosos maiores, tanto en axuda a domicilio como en teleasistencia gratuíta para todas as persoas, dependentes ou non. A Xunta non atende os non dependentes e encima ten copago. E tamén colaboramos coas asociacións que traballan en temas sociais.

Pese a estar en minoría, o executivo que preside sacou adiante dous orzamentos. Cal foi a clave?

É verdade que estamos en minoría, pero saquei adiante os presupostos porque creo que é fundamental para levar eses servizos aos veciños. Houbo que negociar e intentar chegar a acordos con todos, pero este presidente e este goberno sempre foron quen levaron a iniciativa. Por exemplo, este ano fíxose o plan único e, ao final, o PSOE foi o único que o aprobou, os demais partidos abstivéronse.

Manuel Martínez volveu ao grupo provincial do PSOE, trala súa etapa como non adscrito. Que supuxo o seu regreso ao goberno?

Sempre dixen que Martínez era un compañero máis, e agora segue sendo un militante máis e tamén o vicepresidente da Deputación. O que pasou nunca debeu pasar, pero chegado o momento pareceunos que a súa volta era a mellor solución que podiamos tomar para darlle estabilidade ao goberno.

Están totalmente cicatrizadas as feridas do inicio do mandato?

Pola miña parte si, é un compañero máis, está facendo un bo traballo e hai colaboración como co resto de deputados. Marcámonos o obxectivo de seguir traballando por e para a provincia e niso estamos.

Cales van ser as premisas do próximo proxecto orzamentario?

Intentaremos facer un presuposto similar ao deste ano ata onde cheguen os fondos. Non son ilimitados, hai unha cantidade máis ou menos fixa e hai que distribuíla en función das necesidades.

Volverá haber plan único?

Intentarémolo, pero non se promoveu só este ano, no anterior xa se fixera, porque se repartiran doce millóns con criterios totalmente obxectivos. No 2018 poden ser doce, 15, 20... Oxalá foran 50, eu sería feliz se houbera eses millóns para repartir entre os concellos, pero non sei ata onde podemos chegar. En calquera caso, no próximo presuposto volverá haber un reparto obxectivo para programas como o POS, o Depuemprego ou o servizo de axuda no fogar, entre outros.

Un dos asuntos sobre a mesa este outono é a polémica cos bombeiros do consorcio provincial. Seguen sen ver equiparados os soldos con respecto a outras provincias.

Sempre defendemos a equiparación salarial e fomos os primeiros que puxemos enriba da mesa o diñeiro, cunha partida no orzamento. Sempre dixen que a mesmo traballo e mesma responsabilidade, mesmo soldo. Tamén apostamos sempre pola xestión directa, hai informes que nos din que é posible sen aumentar os custos. No último pleno do consorcio decidiuse crear un grupo de traballo con dúas persoas da Xunta e dúas da Deputación para pór en marcha esa xestión directa de cara ao 2019, que é cando rematan os contratos coas empresas. Nós témolo claro, son a Xunta e o PP quen se contradín.

En que se contradín?

As cousas non son tan complicadas, se hai vontade en equiparar os soldos, como di o PP en Lugo, ten que conseguir que en Santiago poñan o diñeiro. E despois tamén hai unha contradición clara niso de que están de acordo coa xestión directa, porque en Ourense o presidente da Deputación non quere saber nada. Por certo, a Xunta financia alí o 62 por cento do servizo e en Lugo o 50, volve discriminar a provincia.

Outra cuestión pendente é a posta en marcha do centro de recría. Como están os trámites?

Adxudicámolo, pero unha das empresas que concursaron presentou un recurso. Estamos esperando a resposta do Tribunal Consultivo de Madrid.

Vai retrasar ese recurso o proxecto?

En principio non. Quedaron en que ían contestalo a comezos deste mes. Se é así, a mediados de outubro teremos xa a adxudicación definitiva.

Que outras prioridades ten o goberno no que queda de mandato?

Ademais da apertura dese centro de recría, qué é un proxecto moi ilusionante para a provincia, abrir as residencias de maiores e poñer tamén en funcionamento a sede da Uned, que vai ser un centro de referencia no noroeste de España. As obras están rematadas e imos inauguralas este mes. Outra prioridade será a mellora de estradas, xa se fixo unha proposta desde esta presidencia ao pleno para pedir un préstamo de 15 millóns de euros con ese obxectivo.

Botando a vista atrás, que foi ata agora o peor e o mellor na súa traxectoria na Deputación?

O peor, eses momentos de desencontro con Martínez e co BNG nas negociacións da presidencia. E o mellor, o traballo que facemos, que é moi importante. Vese na a execución do presuposto no tempo que levamos. No 2016 foi do 85 por cento e este ano estamos xa no 80. Puxemos sobre a mesa moito diñeiro para a provincia.

Tralos sobresaltos destes dous anos e ese esforzo de gobernar en minoría, séntese con forzas para repetir na presidencia provincial?

De momento, como di Simeone, paso a paso (sorrí). Agora toca acabar o mellor posible o mandato e despois estarei ao que me digan os meus compañeiros de partido, non teño ambición nese sentido. Primeiro temos que gañar as alcaldías e despois, a Deputación. Se o logramos e os compañeiros queren que siga, pensareino; se non queren, non vai haber problema, deixarei paso a outro.

Campos: "Preocupámonos da xente e do rural, por iso somos quen máis...
Comentarios