Daniel Vega: ''En Ribadeo no existe un pacto entre el PP y el BNG, pero sí sentido común que permite avanzar''

DANIEL VEGA PÉREZ pode presumir, aos seus 26 anos, de duplicar, baixo o seu liderado, o número de afiliados ás xuventudes do Partido Popular en Ribadeo, logro que foi tido moi en conta para nomealo, o pasado 27 de marzo, novo presidente de esta formación política xuvenil na provincia, que conta na actualidade cuns 500 simpatizantes. Chegou á política no 2003, cando o Partido Popular de Ribadeo perdeu as eleccións municipais, e sempre demostrou o seu apoio, fundamentalmente, naqueles momentos nos que a agrupación máis o necesitaba. A súa valía a fronte das Novas Xeracións (NN.XX.) no municipio, agrupación que duplicou baixo o seu liderado o número de afiliados, foi crucial á hora de ser nomeado oficialmente, o pasado 27 de marzo, novo presidente desta formación na provincia.

PREGUNTA: Que retos se marca neste novo cargo?
RESPOSTA: O de constituír Novas Xeracións en tódolos concellos da provincia. Agora a formación está presente en 14 municipios, pero o propósito principal é chegar a creala nos 67 que hai en Lugo. En breve comezaremos unha nova campaña de afiliación e ademais, propoñémonos desenvolver actos informativos polas comarcas da provincia, coma son ás da zona sur, a da Chaira, Lugo cidade e por suposto, A Mariña, nos que explicaremos cales teñen sido os traballos que leva realizado o Partido Popular neste primeiro ano de goberno autonómico.

P: Que destaca do traballo realizado ata o momento por Núñez Feijoo?
R: Para empezar, a súa persoa, rica en valores e moi austera, o que supón un exemplo para tódolos mozos e é clave para saír da crise, como tamén o é a de Manuel Fraga, cuxo traballo sempre estivo marcado pola adicación e a honradez, de feito a súa persoa marcoume dende pequeno, paréceme admirable a súa traxectoria. Eles amosan que non falla grandes despachos para traballar. Paréceme importantísimo destacar a valentía que tivo este goberno de devolver á normalidade, ó senso común, o uso do idioma, promovendo o plurilinguísmo e evitando así as imposicións, de xeito que cada quen poida falar o que queira.

P: Que opina dun posible pacto entre PP e BNG no Concello ribadense?
R: Non hai tal pacto, pero si sentido común, trátase de apoiar os acordos que permitan avanzar a Ribadeo, porque o non polo non, non conduce a nada. O Partido Popular merece gañar as vindeiras eleccións porque é o que mellor representa á sociedade, porque conta co maior número de militantes neste municipio, sobre 200, e porque necesitamos un cambio, xa que o actual transmite desilusión e non realiza grandes retos, máis ben continúa os que xa foran deseñados en épocas pasadas, coma o do polígono industrial.

P: Que precisa a comarca para seguir avanzando?
R: Crear máis empresas e industria para que haxa máis traballo. Os problemas que segue a ter a xente nova son o paro e a necesidade de vivendas protexidas, tanto para a compra, coma para o aluguer, e pedir investimentos para manter a actividade no eido rural.

P: Precisamente vostede é técnico agrícola nunha cooperativa en Bretoña, que farán dende NN.XX. neste eido?
R: Xuntanzas cos gandeiros máis novos para informarlles das axudas da Xunta, co obxectivo de incorporar xente moza ó campo.

P: Quen lle vai suceder á fronte da formación ribadense a partir de agora?
R: Polo momento, compaxino os dous cargos, o provincial e o local, pero deixarei Novas Xeracións en Ribadeo en setembro. Co comezo do novo curso político, decidiremos na agrupación quen pasará a dirixir a formación que agora conta con 35 persoas. Pero de momento non hai nada decidido. Mentres, hai que continuar co traballo desenvolvido, que funciona estupendamente. Dentro das numerosas actividades realizadas, destacaría entre as máis recentes, a última xornada da muller que organizamos e a visita a unha explotación gandeira de A Devesa para reclamar axudas.

Comentarios