Daniel Vega: ''Celebraremos en breve na Mariña foros sobre turismo, emprego e cooperativismo''

Daniel Vega.
photo_camera Daniel Vega.

dende que o ribadense Daniel Vega se puxo, hai dous anos, á fronte da agrupación das Novas Xeracións do Partido Popular na provincia, o colectivo pasou duns cen integrantes a máis de 700. Ademais, deseguido achegarán á Mariña lucense diversos foros encamiñados a enfrontar a principal lacra que padece o Estado nestes momentos: o desemprego.

Que iniciativas poñerán en marcha en breve na Mariña?

Para empezar, temos xa organizado un foro de turismo que se vai celebrar en Foz o vindeiro 5 de maio, no que participarán sectores implicados e no que se aportarán ideas e retos que cremos deben asumir os concellos para venderse de xeito conxunto, porque este é un sector de crecemento moi importante para esta comarca.

Ademais, teñen previsto outras ideas para fomentar o emprego. Nese senso, haberá unha xornada adicada ó cooperativismo, onde terá lugar?

Imos celebrar un foro en Lourenzá, o vindeiro día 16 de xuño, porque este ano 2012 é o ano das cooperativas. Faremos un percorrido histórico sobre ese eido cunha exposición e haberá un debate no que participarán expertos.

Pero o foro máis importante que abordará fórmulas diversas para xerar postos de traballo será en Ribadeo. Cando se celebrará e en que consistirá?

Aínda non temos data fixada, pero vai ser probablemente en xullo. Nunha mesma mañá, novos emprendedores, tanto de Galicia como de Asturias, exporán os seus casos e as súas ideas para crear empresas e postos de traballo. A continuación, serán diversos cargos políticos, entre eles conselleiros aínda por confirmar, os que aborden as distintas posibilidades que ofrece a Administración.

Outro sector de importancia para A Mariña lucense é a pesca, abordarán a súa problemática?

Entre xuño e xullo, imos celebrar un foro sobre pesca en Celeiro para analizar a situación do sector.

Comentarios