Daniel e Kanzi

'El cerebro', obra de David Eagleman, é "o libro prefecto para comprender cal é a influencia dos nosos miolos en todo os terreos da vida"

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

PERMITIRANME que me poña un chisco sentimental hoxe. Hai poucas cousas máis divertidas para un científico afeccionado ca ter un fillo. Daniel cumpre dous anos esta semana e tiven o pracer de comprobar día a día o desenvolvemento do seu cerebro. Eu pénsolles que está a piques de superar a Kanzi, o bonobo do que nos falaban na carreira e que logrou aprender máis de 400 palabras e certas regras gramaticais. Ten 36 anos, vive en Iowa e está considerado o primate máis intelixente da historia.

Por culpa de Kanzi afeccioneime eu aos estudos sobre o cerebro e a editorial Anagrama vén de tirar do prelo ‘El cerebro’, de David Eagleman, un profesor da universidade de Stanford que recibe eloxios quizais desmedidos coma sucesor de Carl Sagan ou Oliver Sacks. Trátase do libro perfecto para quen queira comprender cal é a influencia dos nosos miolos en todos os terreos da vida. Neles está a nosa historia e o noso futuro.

A influencia de Yuval Noah Harari na ensaística destes anos é innegábel, quizais por iso moitos autores remarcan máis do habitual a importancia das ciencias do cerebro no conductual e no noso futuro. Eagleman escolle a vía da exposición de casos clínicos de impacto, o que dá fío narrativo ao libro e ten a virtude de impactar ao lector. Como reaccionar á historia de Ken Parks, un estadounidense que tiña problemas económicos, pensaba comentalos con seus sogros, quedou durmido diante do televisor e sonámbulo conduciu 23 quilómetros para matalos e despois, aínda durmido, entregarse nunha comisaría? Á marxe de cun arrepío, coa sorpresa propia de que non sabe que está controlado polas súas neuronas.

Achéganse as oposición a profesor de lingua e literatura e nestes intres hai máis persoas do normal a estudar os procesos de produción e comprensión da lingua oral e escrita. Ou polo menos a tentalo, porque ese é outro dos eidos nos que estamos en branco. En só milésimas de segundo levamos a cabo operacións propias de supercomputadores con total naturalidade. Non só o facemos vostedes e mais eu: Daniel non só entende as palabras completas —malia que aínda non fale— senón que comprende as situacións comunicativas e os contextos, polo que pode despedirse cun bico aínda que reciba a orde en catro linguas diferentes. Pasa tan decote que precisamos libros coma este para lembrar que é unha milagre.

Cunha prosa escintilante e áxil, David Eagleman consegue salvar a fenda entre a literatura académica e o ensaio que posibilita a comprensión de certos procesos pola nosa parte, modestos posuidores dun cerebro en marcha. Podemos ver como a nosa actividade cerebral revela —ou pode revelar— quen somos, que é a realidade e como a modelamos, quen toma as decisións que tomamos —ás veces un éntralle medo con tanto cuestionamento da racionalidade— e que seremos nun futuro no que quizais podamos manexar todo o que temos arredor só co pensamento. Se cren que isto último non será posíbel, pensen que comeza a haber membros robóticos e exoesqueletos controlados pola mente das persoas eivadas.

Namentres agardo a que chegue o futuro vixiarei a Daniel. Dentro de pouco superará a Kanzi indiscutibelmente, xa que será quen de construír pensamentos abstractos. Poderei seguir facendo experimentos de andar pola casa e terei que lle ensinar a ler. Polo de agora, fixo o mesmo que os monos do comezo de 2001: agarrou o libro de Eagleman coas dúas mans, ergueuno coma un Moisés calquera e guindouno ao chan dende os seus 86 centímetros. Hai dez días o seu cerebro descubriu que facer o mal, ás veces, ten gracia.

Comentarios