"O caderno ordena e evita que perda debuxos e ideas"

Daniel Díaz Trigo: "Debuxar ou fotografar é a miña forma de estar no mundo, de comunicarme"

Natural de Lugo, as raíces deste mestre de Plástica no CPI de Castroverde están nesa Terra Chá da que son oriundos os seus pais e os seus sogros e que protagoniza boa parte dos seus traballos artísticos, entre eles o libro de fotografías que acompaña o novo disco do grupo Milesios, '‘Indoevindo’'
Daniel Díaz Trigo, nunha das súas creacións
photo_camera Daniel Díaz Trigo, nunha das súas creacións

Licenciouse en Belas Artes na Universidade de Salamanca e é profesor de Plástica e Visual no CPI de Castroverde, profesión que comparte coa súa paixón, retratar o mundo con trazos no seus cadernos e a través do obxectivo da súa cámara. Algunhas desas imaxes, as máis cotiás, forman parte do libro CD ‘'Indoevindo',’ que edita conxuntamente co grupo Milesios de Castro de Rei, para o que tamén elaborou dous vídeos. Estas e outras creacións pódense ver na web www.danieldiaztrigo.com.

Colabora co grupo Milesios no libro CD ‘'Indoevindo'’, como chegan a esta confluencia?

Aparentemente todo comeza dun xeito casual pero visto en perspectiva, o encontro era inevitable. Partir da tradición, do contorno, das raíces para construír algo, musical ou plástico, conforma un territorio común, un espazo cómplice.

Que destacaría deste traballo conxunto, desta fusión da música e da imaxe?

Tratamos de pór en valor o obxecto, que sexa agradable nas mans, e crear unha atmósfera resultado da unión pausada da experiencia visual e da musical.

 "Tralo premio Galicia de Fotografía Contemporánea o meu nome e as miñas imaxes están na rede e coñéceme moita xente, pero o cambio máis importante é interior"

Tamén fixo dous vídeos para o grupo, o traballo audiovisual é un reto pendente?

Realmente é o camiño natural na procura da imaxe poética. O audiovisual é o lugar de enriquecimento mutuo entre poesía, imaxe e son.

Neste caso coincidían no camiño a seguir pero, como leva a creación por encarga, séntese cómodo ideando cuns límites marcados?

Un encargo ten sempre implícita a incomodidade e o reto de resolvelo, pero os límites son sempre negociables.

Que o motiva a crear, en que se inspira?

No meu caso debuxar ou fotografar é a miña forma de estar no mundo, non concibo outro xeito de entendelo e de comunicarme.

Moitos dos seus traballos parten da Terra Chá, canto peso teñen as raíces na produción artística?

Todos os traballos parten dun mesmo, e eu son da Terra Chá,  do barrio, da cidade onde vivo, do meu traballo ou dos lugares que visito de vacacións. Pero tamén son a lingua que falo, as lecturas que me acompañan, as imaxes, as persoas coas que vivo... un retrátase en todo o que fai

Hai un antes e un despois de ‘Posesións para un esquecemento’ e o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea?

Si, claramente. Agora o meu nome e as miñas imaxes están na rede e coñéceme moita xente. Pero o cambio máis importante é interior. O feito de mostrar un traballo privado e que teña boa acollida é unha confirmación, un respaldo para continuar mostrando no futuro outros proxectos.

"Quero que os meus alumnos desfruten da arte coma unha forma de coñecemento satisfactoria, útil e compatible coa ciencia"

Ten novo proxecto á vista?

Sempre traballo en varias ideas á vez. Algúns proxectos levan moitos anos preparándose, como o da cidade de Lugo, e aínda non están rematados. Outros son espontáneos, como ‘Cerimonias segredas’, e algúns continúan transformádose como o de ‘Commuter’, que deu lugar a ‘Indoevindo’.

Que é aplicable do seu labor creativo persoal á súa función docente?

Se entendemos a clase coma unha obra de arte podo dicir que traballo co mesmo interese e as mesmas estratexias sen distinción.

Que tenta transmitirlles aos seus alumnos, cal é a lección que deben aprender e que o fai sentir máis orgulloso como mestre?

Quero que desfruten da arte coma unha forma de coñecemento satisfactoria, útil e compatible coa ciencia. A busca da felicidade como obxectivo principal do seu futuro e non as saídas profesionais máis demandadas. Estou orgulloso do respecto mutuo que nos demostramos. É especialmente gratificante que exalumnos se poñan en contacto para facer consultas ou comentar o que están a facer.

Comentarios